Stephen Ray Vaughan, nado o 3 de outubro de 1954 e finado o 27 de agosto de 1990) foi un guitarrista estadounidense, cantante, compositor, e produtor de música. A pesar da súa curta carreira de apenas sete anos, foi un dos guitarristas máis influentes no rexurdimento do blues nos anos 80.
Nado e criado en Dallas, Vaughan comezou a tocar a guitarra con sete anos, inspirado polo seu irmán máis vello, Jimmie. En 1971 deixou o instituto e o ano seguinte mudouse a Austin. Tocou con numerosas bandas, e gañou un oco na banda de Marc Benno, The Nightcrawlers, e máis tarde con Denny Freeman en The Cobras, con quen continuou traballando ata finais de 1977. Entón formou o seu grupo propio, Triple Threat Revue, antes de rebautizar a banda como Double Trouble despois de contratar ao batería Chris Layton e ao baixista Tommy Shannon. A fama chegoulle tras actuar no Festival de jazz de Montreux en 1982, e en 1983 o seu álbum de debut, Texas Flood, situouse no número 38 nas listas de vendas. Composto por dez cancións, o álbum foi un éxito comercial que vendeu máis de medio millón de copias. Despois de rehabilitarse das súas adiccións a finais de 1986, encabezou xiras de concertos con Jeff Beck en 1989 e Joe Cocker en 1990, antes de morrer nun accidente de helicóptero o 27 de agosto de 1990, á idade de 35 anos.
Vaughan foi inspirado musicalmente polo blues rock americano e británico. Preferiu amplificadores limpos con volume alto e contribuíu á popularidade do equipamento musical clásico. A miúdo combinou varios amplificadores diferentes xuntos e utilizou poucos pedais de efectos. Chris Gill de Guitar World comentou: "O son de guitarra de Stevie era tan seco coma un verán de San Antonio e tan brillante como unha debutante en Dallas, o produto do son natural de amplificadores con amplo espazo libre. Con todo, Vaughan utilizou ocasionalmente pedais para aumentar o seu son, principalmente para potenciar o sinal, a pesar de que ás veces empregou un altofalante Leslie e pedais wah para engadir un toque de estilo".
Vaughan recibiu varios premios de música durante a súa vida e de xeito póstumo. En 1983, os lectores de Guitar Player votárono como o Mellor novo talento e como Mellor guitarrista de blues eléctrico. En 1984, a Blues Foundation nomeouno Artista do ano e Instrumentista de blues do ano, e en 1987, a revista Performance Magazine deulle o premio á Actuación de rythm and blues do ano. Gañou seis Premios Grammy e dez Premios da Música de Austin, e entrou, despois da súa morte, no Salón da Fama do Blues, no ano 2000, e no Salón e Museo da Fama de Músicos no 2014. Rolling Stone clasificou a Vaughan no duodécimo posto de guitarristas máis grandes de todos os tempos. En 2015, Vaughan e Double Trouble entraron no Salón da Fama do Rock.
Familia e primeiros anos alt=A black and white image (c.1900s) of an elderly man with white hair and a long beard dressed in a long-sleeved and suspenders standing in front of a tree.|miniatura|O bisavó de Vaughan, Robert Hodgen LaRue, ao redor do ano 1900. O pai de Steve, Jim Vaughan, tamén coñecido como Big Jim, abandonou a escola aos dezaseis anos e ingresou na Armada dos Estados Unidos durante a segunda guerra mundial. Despois de ser despedido, casou con Martha Cook o 13 de xaneiro de 1950. Stephen Ray Vaughan naceu o 3 de outubro de 1954 en Dallas, Texas. Era tres anos e medio máis novo que o seu irmán Jimmie (nado en 1951). Big Jim conseguiu un traballo como traballador do amianto, unha ocupación que implicaba un duro esforzo manual. A familia mudouse con frecuencia, vivindo en varios estados como Arkansas, Luisiana, Mississippi e Oklahoma antes de pasar á sección de Oak Cliff en Dallas. Neno tímido e inseguro, a Vaughan afectáronlle profundamente as experiencias da súa infancia. O seu pai loitou contra o alcoholismo e aterrorizaba frecuentemente á súa familia e amigos por culpa do seu forte carácter. En anos posteriores, Vaughan recordou que fora vítima da violencia do seu pai. O seu pai morreu o 27 de agosto de 1986, exactamente catro anos antes da morte de Vaughan.
Primeiros instrumentos A principios da década de 1960, a admiración de Vaughan polo seu irmán Jimmie levouno a probar diferentes instrumentos como a batería e o saxofón. En 1961, como regalo do seu sétimo aniversario, Vaughan recibiu a súa primeira guitarra, un xoguete de Sears. Aprendendo de oído, apaixonouse el mesmo, tocando temas de The Nightcaps, particularmente "Wine, Wine, Wine" e "Thunderbird". Escoitou artistas de blues como Albert King, Otis Rush, e Muddy Waters, e guitarristas de rock como Jimi Hendrix e Lonnie Mack, así como guitarristas de jazz, entre eles Kenny Burrell. En 1963, adquiriu a súa primeira guitarra eléctrica, unha Gibson ES-125T, cunha pastilla de seu irmán Jimmie.
Pouco despois de adquirir a guitarra eléctrica, Vaughan uniuse á súa primeira banda, The Chantons, en 1965. A seu primeira actuación foi nun concerto de talentos realizado no Hill Theater de Dallas, pero despois de darse conta de que non podían tocar unha canción de Jimmy Reed na súa totalidade, Vaughan deixou a banda e uniuse a Brooklyn Underground, tocando profesionalmente en bares e clubs locais. Recibiu unha Fender Telecaster de Jimmie, que máis tarde intercambiou por unha Epiphone Riviera. Cando Jimmie marchou da casa aos dezaseis anos, a aparente obsesión de Vaughan co instrumento ocasionou unha falta de apoio dos seus pais. Ruín na casa, tomou un emprego nunha hamburguesería local, onde lavaba pratos e tiraba o lixo por setenta centavos á hora. Logo de caer nun barril de graxa, fartouse do traballo e deixouno para dedicar a súa vida á carreira musical.
Carreira musical
Os inicios En maio de 1969, despois de deixar Brooklyn Underground, Vaughan uniuse a unha banda chamada Southern Distributor. Aprendera "Jeff's Boogie" de The Yardbirds e tocouna na audición. Mike Steinbach, o batería do grupo, comentou: "O neno tiña catorce anos. Probámolo con "Jeff Boogie", cunha guitarra instrumental moi rápida e tocouna nota por nota". Aínda que interpretaban versións de pop rock, Vaughan transmitiu o seu interese por engadir cancións de blues ao repertorio do grupo, pero dixéronlle que non se gañaría a vida tocando blues e a banda desfíxose. Máis tarde ese ano, o baixista Tommy Shannon entrou nun club de Dallas e escoitou a Vaughan tocar a guitarra. Fascinado pola súa técnica, que describiu como "incrible xa daquela", Shannon colleu un baixo e os dous comezaron a improvisar. Nuns poucos anos comezarían a tocar xuntos nunha banda chamada Krackerjack.
En febreiro de 1970, Vaughan uniuse a unha banda chamada Liberation, que era un grupo de nove, cunha sección de vento. Despois de pasar o último mes tocando o baixo con Jimmie en Texas Storm, inicialmente realizou a audición para baixista. Impresionado pola guitarra de Vaughan, Scott Phares, o guitarrista orixinal do grupo, converteuse modestamente no baixista. A mediados da década de 1970, actuaron no Hotel Adolphus no centro de Dallas, onde ZZ Top lles pediu que actuasen. Durante a pausa de Liberación, Vaughan improvisou con ZZ Top a canción de The Nightcaps "Thunderbird". Máis tarde, Phares describiu así: "Tiraron a casa abaixo, foi incrible, foi unha desas noites máxicas, Stevie encaixou como unha luva".
Asistindo ao Justin F. Kimball High School a principios dos anos 70, os concertos nocturnos de Vaughan contribuíron ao seu descoido dos seus estudos, incluíndo a teoría musical. Adoitaba durmir durante as clases. A súa carreira musical profesional foi desaprobada por moitos dos administradores da escola, pero moitas persoas tamén o animaron a loitar pola súa carreira artística, incluíndo o seu mestre de arte. No seu segundo ano, asistiu a clases nocturnas de arte experimental na Southern Methodist University, pero deixouno cando entrou en conflito cos ensaios.
Primeiras gravacións En setembro de 1970, Vaughan fixo as súas primeiras gravacións de estudo co grupo Cast of Thousands, no que estaba o futuro actor Stephen Tobolowsky. Gravaron dúas cancións: "Red, White and Blue" e "I Heard a Voice Last Night", para un álbum de compilacións, A New Hi, que contou con varias bandas adolescentes de Dallas. A finais de xaneiro de 1971, sentíndose atrapado nos hits pop con Liberation, Vaughan formou a súa propia banda, Blackbird. Logo de cansarse da escena musical de Dallas, abandonou a escola e mudouse coa banda a Austin, que tiña un público máis liberal e tolerante. Alí, Vaughan comezou tocando inicialmente no Rolling Hills Country Club, un lugar que máis tarde se convertería no Soap Creek Saloon. Blackbird tocou en varios clubs de Austin e abriu concertos para bandas como Sugarloaf, Wishbone Ash e Zephyr, pero non puido manter unha formación consistente. A principios de decembro de 1972, Vaughan deixou Blackbird e uniuse a unha banda de rock chamada Krackerjack. Actuou con eles menos de tres meses.
En marzo de 1973, Vaughan uniuse á banda de Marc Benno, The Nightcrawlers, a Benno coñecérao nunha sesión de improvisación anos antes. A banda contou co vocalista Doyle Bramhall, que coñeceu a Vaughan aos doce anos. O mes seguinte, The Nightcrawlers gravou un álbum en Sunset Sound Recorders en Hollywood para A & M Records. O álbum, que foi rexeitado por A & M, incluía os primeiros traballos de composición de Vaughan, "Dirty Pool" e "Crawlin". Pouco tempo despois, el e The Nightcrawlers viaxaron de volta a Austin sen Benno. A mediados de 1973, asinaron un contrato con Bill Ham, axente de ZZ Top, e realizaron varios concertos polo sur, moitos deles desastrosos. Ham deixou a banda tirada en Mississippi sen ningún medio para regresar a casa e esixiu o reembolso dos gastos de equipamento a Vaughan, os cales nunca foron reembolsados.
En 1975, Vaughan uniuse a unha banda de seis membros chamada Paul Ray and the Cobras, que incluía ao guitarrista Val Swierczewski e ao saxofonista Joe Sublett. Durante os seguintes dous anos e medio, gañáronse a vida semanalmente nun popular local da cidade, o Soap Creek Saloon e, finalmente, o recentemente inaugurado Antone's, coñecido como "a casa do blues" de Austin. A finais de 1976, Vaughan gravou un sinxelo con eles, "Other Days" como a cara A e "Texas Clover" como cara B. O sinxelo, no que Vaughan tocaba a guitarra en ambos temas, foi lanzado o 7 de febreiro de 1977. En marzo, os lectores do Austin Sun votáronos como a "Banda do Ano". Ademais de tocar cos Cobras, Vaughan improvisou con moitas das súas influencias no Antone's, incluíndo a Buddy Guy, Hubert Sumlin, Jimmy Rogers, Lightnin 'Hopkins e Albert King.
Vaughan estivo de xira cos Cobras durante gran parte do ano 1977, pero a finais de setembro, cando decidiron tomar unha dirección musical máis comercial, deixou a banda e formou Triple Threat Revue, que incluía a cantante Lou Ann Barton, o baixista WC Clark , e o batería Fredde Pharaoh. En xaneiro de 1978 gravaron catro cancións en Austin, incluíndo a composición de Vaughan "I'm Cryin". A gravación de trinta minutos é a única gravación de estudio da banda.
Double Trouble
A mediados de maio de 1978, Clark marchou para formar o seu propio grupo e Vaughan cambiou o nome da banda a Double Trouble, tomado do título dunha canción de Otis Rush. Logo do recrutamento do baixista Jackie Newhouse, Pharaoh deixou o grupo en xullo e foi substituído brevemente por Jack Moore, que se trasladou a Texas dende Boston. Tocou coa banda durante aproximadamente dous meses. Logo Vaughan comezou a buscar un batería e pouco despois coñeceu a Chris Layton a través de Sublett, que era o seu compañeiro de cuarto. Layton, recentemente separado de Greezy Wheels, foi instruído por Vaughan para tocar a ritmo de "shuffle". Cando Vaughan lle ofreceu o posto a Layton, este aceptou. A principios de xullo, Vaughan fixo amizade con Lenora Bailey, coñecida como "Lenny", quen se converteu na súa noiva e, finalmente, na súa esposa. O matrimonio duraría seis anos e medio.