A ética feminista é unha abordaxe ética baseada no feito da desvalorización histórica da perspectiva moral das mulleres e as súas experiencias e, polo tanto, escolle reinventar a ética a través dunha abordaxe e visión holística feminista.Tong, R. and Williams N., Stanford Encyclopedia of Philosophy, Feminist Ethics, First published Tue May 12, 1998; substantive revision Mon May 4, 2009.
Concepto As filósofas feministas critican as teorías éticas clásicas como preminentemente enfocadas na perspectiva histórica masculina, sen ter en conta a experiencia sociocultural da muller. As cuestións relativas ao coidado e moralidade foron relegadas á vida privada e familiar, as responsabilidades eran tradicionalmente consideradas como asuntos triviais. Xeralmente, as mulleres son retratadas como eticamente inmaturas e superficiais en comparanza cos homes. Autores como Lawrence Kohlberg, que levou a cabo para a creación da súa Teoría do Desenvolvemento Moral estudos que, dende unha perspectiva androcéntrica, situaban ás nenas como inferiores intelectualmente; ou Immanuel Kant, que afirmou que as mulleres non posúen racionalidade. A ética tradicional premia trazos culturalmente masculinos como "a independencia, a autonomía, o intelecto, as ganas, a desconfianza, a xerarquía, a dominación, a cultura, a transcendencia, o produto, o ascetismo, a guerra e a morte",Jaggar, “Feminist Ethics,” 1992 e dá menos peso a trazos historicamente considerados femininos como "interdependencia, comunidade, conexión, repartición, emoción, corpo, confianza, ausencia de xerarquía, a natureza, a imanencia, o proceso, a alegría, a paz e a vida." A ética tradicional é convencionalmente orientada á perspectiva vital masculina, e a razón moral é visualizada a través dun cadro de regras, dereitos, universalidades e imparcialidades. As abordaxes "femininas" para a razón moral salientan as relacións, responsabilidades, particularidades e parcialidades.
Na Filosofía moral tamén podemos empregar o termo “Ética Feminista” para nomear un exame crítico de toda unha serie de morais e éticas tradicionais. Isto ten dúas consecuencias:
En primeiro lugar, implica unha reavaliación de que problemas son relevantes. Isto levou á apertura de novos temas de discusión na ética práctica que ata o momento non recibiran suficiente atención. Entre estes pódense incluír, por exemplo, a distribución sexual do traballo e, en particular, do traballo doméstico e de coidados, o uso das mulleres como obxectos sexuais ou a prostitución. Á súa vez, tamén provocou que outros temas que xa se estaban tratando pasasen a ser examinados desde novas perspectivas ou incorporando novas consideracións á súa análise. Un exemplo moi claro disto constitúe a cuestión do aborto.
En segundo lugar, o exame crítico feminista leva a defender posicións na ética normativa inspiradas nunha perspectiva feminista. Estas posicións poden ser moi diversas. Quen defende un punto de vista feminista ten tamén ideas acerca doutras cuestións en ética. Por iso hai, por exemplo, feministas que defenden distintas posicións éticas, como as éticas do coidado ou as éticas da xustiza.
Ética do coidado A base principal desta ética é a concepción do mundo como unha rede de relacións nas que se insire o "eu". Neste contexto pódese salientar a definición de coidado ofrecida por Tronto e Bernice Fisher, que o interpretan como unha actividade que inclúe todas as accións que acometemos para manter, conter e reparar o mundo para que así poidamos vivir nel. Este mundo incluiría os nosos corpos, nós mesmos e a nosa contorna. Esta ética xorde como alternativa lexítima á perspectiva da xustiza da teoría liberal dos dereitos humanos. A teoría ética do coidado critica ás éticas da xustiza pola súa falta de contextualidade á hora de abordar un problema moral, e resalta a necesidade de ter en conta o contexto relacional á hora de exercer un xuízo ético.
Estas éticas están tradicionalmente atribuídas ás mulleres e ao feminismo pola súa relación coa maternidade. Por exemplo, Gilligan afirma que "a sensibilidade das necesidades dos demais e o asumir a responsabilidade por coidar deles, levan ás mulleres a escoitar voces distintas ás súas e a incluír nos seus xuízos outros puntos de vista", así a forza moral das mulleres resulta "nunha preocupación predominante polas relacións e responsabilidades". Este discurso foi criticado e correxido posteriormente por outras teóricas feministas, baixo o argumento de que a asociación da maternidade como inherente á muller é un discurso esencialista.
Carol Gilligan e Nel Noddings son expoñentes dunha ética do coidado feminista que critica a ética tradicional como deficiente na medida en que carece, despreza, banaliza ou ataca os valores e virtudes culturais das mulleres. No século XX, as éticas feministas desenvolveron unha variedade de enfoques feministas da ética centrados no coidado, en comparación cos enfoques da ética non feministas centrados no coidado, as feministas tenden a apreciar máis plenamente o impacto das cuestións de xénero. As éticas feministas centradas no coidado notan as tendencias das sociedades patriarcais a non apreciar o valor e os beneficios das formas de amar, pensar, traballar e escribir das mulleres e tenden a ver ás mulleres como subordinadas.
Na teoría de autoras de ética do coidado abórdanse cuestións como o esencialismo de xénero, a interseccionalidade, o capacitismo, o especismo, o racismo e colorismo, o amor, a cultura ou a psicoloxía. A perspectiva do coidado pretende aportar unha visión contextual e relacional á teorización ética, corrixindo a visión historicamente masculina.
As éticas do coidado foron obxecto de debate dentro do propio feminismo, especialmente por parte das éticas feministas da xustiza, que cuestionan se caracterizar o coidado como algo feminino reforza os roles de xénero e as cargas asociadas socialmente ás mulleres, excluíndo aos homes do coidado. Criticouse tamén que estas éticas discriminan ás persoas que carecen de relacións achegadas que lles proporcionen coidados ou cuxos coidadores non teñan os recursos suficientes.
As posicións dentro da ética feminista que máis se discutiron nas últimas décadas son as do coidado. Unha caracterización moi ampla destas pode ser a seguinte: Debemos ter unha disposición a atender as necesidades das persoas que nos rodean e actuar conforme a ela, e isto é incompatible co que implica o sexismo e os seus efectos, que deben ser, polo tanto, rexeitados.
Esta descrición é moi semellante ás éticas do coidado en xeral. O que ocorre é que estas son practicamente identificables coas éticas feministas do coidado, xa que xurdiron e foron defendidas principalmente desde perspectivas feministas.
Tradicionalmente considerouse que o traballo verdadeiramente importante é o produtivo, e este identificouse co traballo masculino. En cambio, dáselle moi pouca importancia ao traballo doméstico e ás tarefas relacionadas coa satisfacción das necesidades básicas que, á súa vez, fan posible o traballo produtivo. Este tipo de traballo foi realizado tradicionalmente polas mulleres, que tamén mantiveron as actitudes asociadas a el, especialmente a atención ás necesidades das persoas que requiren coidado.
A ética do coidado formulouse co obxectivo de valorizar tanto este traballo como estas actitudes. Ademais, deféndese indicando que representaría o modo no que as mulleres reflexionan sobre cuestións morais, describíndoo como unha perspectiva moral eminentemente feminina.
Ética da xustiza Outras posicións feministas baséanse na idea de que o rexeitamento do sexismo e das súas consecuencias é unha cuestión de xustiza. Aquí, unha idea central é que o sexismo debe ser rexeitado porque é inxusto para quen resulta prexudicado. Estas posicións poden caracterizarse de maneira moi xeral como segue: Que cada quen reciba o que lle corresponde é incompatible co que implica o sexismo e as súas consecuencias, que deben ser, polo tanto, rexeitadas.
Aceptar estas posicións non implica negar que moitas mulleres tomen as súas decisións morais do xeito descrito pola ética do coidado. Con todo, tampouco implica aceptar que isto sexa sempre así; moitas non o fan.
Fundamentos centrais
Para as posicións feministas da xustiza resulta central o rexeitamento da idea de que a consideración que se lle debe dar a alguén deba estar relacionada con factores ligados ao xénero. Para estas non é aceptable que tales factores determinen que haxa quen estea nunha situación mellor ou peor. A motivación fundamental para a formulación destas éticas é a defensa de quen sofre inxustizas, para que poidan ter unha existencia plena e non oprimida por estas. Así, o seu propósito é erradicar o sexismo e todos os seus efectos por ser este inxusto.
Compatibilidade con diversas perspectivas
Este fin é compatible con múltiples concepcións da xustiza e con distintas formas de entender os mecanismos mediante os que operan as estruturas inxustas. Por iso, estas éticas poden defenderse adoptando posturas moi diversas, sen ter que aceptar necesariamente a idea de que os individuos son autónomos.
Pluralidade de enfoques Existen tamén posicións que combinan os enfoques da xustiza e do coidado, defendendo un enfoque que cuestione os roles de xénero pero que prescriba a posesión dun carácter moral atento á situación de quen necesita axuda, ou complementando o recoñecemento de garantías universais cun enfoque sensible ás relacións emocionais e ao contexto.
Outros enfoques na ética feminista Existen posicións que combinan os enfoques da ética da xustiza e da ética do coidado. Hai distintas formas de levar a cabo esta tarefa, segundo os elementos de cada posición que se teñan en conta. Pode defenderse un enfoque que cuestione os roles de xénero, en liña co que sosteñen as éticas feministas da xustiza, pero que tamén prescriba unha disposición moral atenta á situación das persoas que precisan axuda.
Outra posición diferente sería a do chamado feminismo da dominación. Esta postura sostén que as diferenzas de xénero son o resultado da existencia dun sistema de dominación. O sexismo configuraría os propios valores que as mulleres acaban asumindo como propios. Segundo isto, rexeitaríase calquera discurso que reforzase os valores tradicionalmente asociados aos roles de xénero femininos.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Jaggar, A.M. (1994). Living with Contradictions: Controversies in Feminist Social Ethics, Boulder, CO: Westview Press. Gilligan, C. La moral y la teoría: psicología del desarrollo femenino, Fondo de Cultura Económica, 1994. Pateman, C. (2019 ) El contrato sexual, Madrid: Ménades Kittay, E. F. (2013 ). Love’s labor: Essays on Women, Equality and Dependency. Routledge. Okin, S. M. (1989) Justice, Gender, and the Family, New York: Basic Books Nussbaum, M. C. (1999) Sex and Social Justice, Oxford: Oxford University Press Benhabib, S. (2020) Situating the Self: Gender, Community, and Postmodernism in Contemporary Ethics, Nueva York: Routledge Agra Romero, M. X. (2016) ¿Olvidar a Clitemnestra?: sobre justicia e igualdad, Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela Hampton, Jean, 1997, Political Philosophy, Boulder: Westview Press MacKinnon, Catherine A., 2001, Sex Equality, New York: Foundation Press Young, Iris Marion, 2000, La justicia y la política de la diferencia, Madrid: Cátedra Friedman M. (1987) "Beyond Caring: The De-Moralization of Gender", Canadian Journal of Philosophy Supplementary Volume, 13, 87–110, pp. 105–110 Card, C. (1990) "Caring and Evil", Hypathia, A Journal of Feminist Philosophy, 5, 101–108 Card, C. (1996) The Unnatural Lottery: Character and Moral Luck, Philadelphia: Temple University Press, cap. 4 Held, V. (1995) "The Meshing of Care and Justice", Hypatia, 10, 128–32 Sevenhuijsen, S. (2003) Citizenship and the Ethics of Care: Feminist Considerations on Justice, Morality and Politics, Nova York: Routledge