Reuven «Rubi» Rivlin (), nado en  Xerusalén o 9 de setembro de 1939, é un avogado e político israelí, e presidente de Israel desde o 24 de xullo de 2014 ata o 9 de xullo de 2021. Forma parte do partido político conservador Likud.

Traxectoria Reuven Rivlin naceu en Xerusalén no ano 1939. É descendente de Gaon de Vilna. Rivlin pertence a unha extensa familia que chegou á Palestina otomá a principios do século XIX, e cuxos membros ocupan, dous séculos despois, varios estratos das elites israelís.

Desde moi novo estivo identificado co movemento xuvenil Beitar e coa ideoloxía de Zeev Jabotinsky e de Menachem Beguin representada polo partido político Likud.

En 1957, logo de rematar a educación media, ingresou nas Forzas de Defensa de Israel sendo oficial de intelixencia. Foi mobilizado tamén na Guerra dos Seis Días, en 1967. Licenciouse en dereito pola Universidade Hebrea de Xerusalén, comezou posteriormente unha carreira profesional como avogado do Beitar, o equipo de fútbol máis importante de Xerusalén, e na compañía de aviación El Al.

Entrou na política en 1978 como concelleiro de Xerusalén, en 1988 foi escollido deputado do Likud na Knesset, onde centrou a súa actividade pública ata 1993. Ao Parlamento entrou por primeira vez na décimo segunda lexislatura (1988-1992) e coa única excepción do período comprendido entre 1992 e 1996, sendo deputado até o ano 2014.

Tamén ocupou o cargo de ministro de Comunicación (2001-2003) e, en dúas ocasións, o de presidente do poder lexislativo; a primeira de 2003 a 2006 e a segunda entre 2009 e 2013, na que se converteu en presidente da Knesset con 90 votos sobre 120. Dende esa tribuna consolidou a súa imaxe de demócrata sen concesións, en contraste coa súa forte ideoloxía nacionalista. Durante os seus dous mandatos como presidente do Parlamento, Rivlin gañouse moito aliados pero tamén inimigos, sobre todo, porque non dubidou en enfrontarse á coalición de Netanyahu e ao sector máis nacionalista do Likud e Israel Beitenu.

No 2007 foi candidato á presidencia do país; con todo, retirouse na primeira rolda de votacións debido ao inminente triunfo do seu rival Shimon Peres.

No 2014, postulouse de novo á presidencia. Aínda que inicialmente aparecía como o principal candidato a suceder a Shimon Peres, a aposta de Rivlin pola presidencia complicouse pola rivalidade persoal e que mantén con Netanyahu, cuxos denodados esforzos para buscar outro candidato foron amplamente relatados pola prensa. Só no último momento, cando os seus esforzos fracasaran, Netanyahu ofreceu de mala gana o seu apoio a Rivlin. Tras as eleccións presidenciais de Israel, ningún do cinco candidatos iniciais obtivo a maioría absoluta na primeira votación, na que Rivlin, do partido Likud, terminou en primeiro lugar, con 44 votos, mentres que Sheetrit, do HaTnuha, obtivo o apoio de 31 dos 120 deputados da Knesset.

En segunda volta, Rivlin impúxose con 63 votos ao seu rival, o centrista Meir Sheetrit, quen recibiu o apoio de 53 dos 120 deputados do Parlamento.

Presidente de Israel

Política interior Sucedeu a Shimon Peres o 24 de xullo de 2014 e dende o comezo os analistas confiaron en que a súa xeira se centraría en asuntos de política interior, logo do exercicio de Peres, premio Nobel e recoñecido internacionalmente. miniatura|Reunión entre Netanyahu (á esquerda), Rivlin (centro) e Gantz (á dereita)O seu rol como mediador da política nacional gañou peso debido á crise política na que entrou Israel dende 2019. As sospeitas políticas e xornalísticas sobre a corrupción do primeiro ministro Netanyahu concretáronse nunha acusación da fiscalía en decembro de 2018, malia as manobras para adiar o xuízo este comezou en 2021. A acusación contra o Benjamin Netanyahu e a súa familia fixo que moitos sectores políticos se distanciasen del e que a sociedade israelí se fose polarizando. Os resultados das eleccións de 9 de abril de 2019 foron moi igualados, aínda que Netanyahu conseguiu quedar por diante do antigo xeneral Benny Gantz en votos, ambos quedaron empatados con 35 deputados. Netanyahu fracasou á hora de poder conformar unha coalición parlamentaria que respaldase o seu goberno polo que a Knesset se disolveu, volvéndose a convocar eleccións anticipadas. A situación de bloqueo político volveuse a producir en setembro de 2019, escoitados aos partidos, Rivlin encomendou a Netanyahu a exploración dunha maioría, sen éxito, polo que Rivlin delegou a tarefa en Gantz, quen tampouco foi quen. Esta situación obrigou a repetición das eleccións lexislativas, agora o 2 de marzo de 2020. A resistencia de Netanyahu a abandonar o cargo de primeiro ministro foi interpretada por manter as salvagardas xudiciais que leva asociado o cargo, quen non ten obriga de dimitir ata que haxa sentenza firme do Tribunal Supremo. As eleccións de 2020 devolvéronlle ao Likud de Netanyahu a posición de forza máis votada, aínda que Rivlin encargou a Gantz intentar conformar unha maioría por contar con máis respaldo parlamentario. Novamente sen resultaados, Rivlin encargou á propia Knesset a procura dun candidato antes de 21 días para evitar unhas novas eleccións. A situación ocasionada pola pandemia de covid-19 facilitou que finalmente Netanyahu e Gantz formaran un goberno de coalición. Mais, poucos meses despois, o executivo non contou con apoio parlamentario para aprobar os orzamentos, razón pola que a Knesset se disolveu e fixáronse eleccións para marzo de 2021. O resultado , novamente axustado fixo que Rivlin optase primeiro por Netanyahu para formar un goberno, de novo sen éxito, polo que delegou en Yair Lapid, político progresista que conseguira a segunda posición, a exploración dunha coalición. Lapid logrou un pacto que incorporará ao goberno a unha coalición heteroxénea de partidos (dende a extrema dereita xudía ata representantes da minoría árabe) e que fará que o cargo de Primeiro Ministro rote entre Bennett, líder do partido dereitista Yamina, e el mesmo. Durante eses meses, Rivlin instou repetidas veces a superar o bloqueo e alertou das consecuencias do mesmo como a perda de confianza cidadá no sistema político. Rivlin é contrario á existencia dun Estado palestino independente e é defensor da solución dun único estado para o conflito con Palestina. Con todo, ten sona de tolerante e destacouse como un defensor das minorías de Israel, especialmente dos árabes. Deste xeito, fixo pública a súa reticencia á chamada lei do Estado-Nación de 2018 que define a Israel como o estado nación dos xudeus. Durante a tramitación parlamentaria reuniuse con representantes das distintas minorías para coñecer as súas preocupacións sobre o contido da futura lei e expresou o seu temor a que dese orixe a desigualdades. Así, nunha carta aberta aos membros da Knesset, Rivlin afirmou que consideraba algúns dos artigos do proxecto de lei como discriminatorios, citando como exemplo a posibilidade de reservar determinadas localidades só para xudeus. Unha vez a lei superou o voto da Knesset, e aínda que algúns puntos foron suavizados, Rivlin mostrou a súa disconformidade con ela asinándoa en árabe, lingua que perdeu o status de oficial con esa lei. En maio de 2021, no contexto dunha nova crise entre Israel e Gaza, producíronse enfrontamentos entre xudeus e árabes israelís, entón Rivlin amosou a súa inquietude por esta situación e alertou do risco de guerra civil.

Dado que o seu mandato remata o 9 de xullo de 2021, a Knesset escolleu como sucesor ao laborista Isaac Herzog o 2 de xuño dese ano.

Política exterior miniatura|Reuven Rivlin e a súa dona nunha visita á India (2016) Aínda que como Presidente da Knesset procurou que Israel recoñecese a existencia do xenocidio armenio, como xefe do Estado moderou as súas declaracións sobre esta cuestión para evitar controversias con Turquía.

Rivlin e a súa dona visitaron España en novembro de 2017, naquela altura, apenas un mes despois do referendo de independencia de Cataluña, o goberno de Mariano Rajoy interpretaba como equidistante a posición da diplomacia israelí. Mais no brinde na cea de gala ofrecida polo rei Filipe VI, Rivlin reafirmou o apoio israelí á unidade de España. A prensa española destacou que esas declaracións foron por insistencia do propio Rivlin, fronte a posición, menos categórica, defendida por Netanyahu.

O goberno de Netanyahu procurou cultivar relacións cordiais con gobernos europeos de talante populista, mais, en 2018, nunha entrevista na CNN, Rivlin alertou do pulo recente das ideoloxías antisemitas en Europa Pouco despois, alegando problemas de axenda non recibiu o italiano Matteo Salvini, líder da Liga Norte e naquela altura ministro do Interior. Analistas e xornalistas contrastaron o xesto de Rivlen coa cordialidade amosada por Netanyahu ao italiano.

Tamén, en 2018 o goberno polonés propuxo unha lei que declaraba ilegal suxerir a responsabilidade polonesa no Holocausto, o que xerou unha forte controversia entre as comunidades xudías e en Israel. Neste asunto, Rivlin interpelou persoalmente o seu homólogo polonés, Andrzej Duda, recordándolle que houbo poloneses que participaron no Holocausto.

Nos días previos a rematar o seu exercicio numerosos líderes internacionais agradecéronlle o seu traballo como Barack Obama, o príncipe de Gales, Carlos, Filipe VI de España ou Filipe dos Belgas. Tamén mantivo unha conversa telefónica con Mahmoud Abbas de despedida.

Vida persoal Reuven Rivlin casou en 1971 con Nechama Rivlin, bióloga que traballou na Universidade Hebrea de Xerusalén, e é pai de catro fillos. Quedou viúvo logo do falecemento da súa dona, doente de fibrose pulmonar e sometida a un transplante de pulmón, o 4 de xuño de 2019. É vexetanariano dende a década de 1960 e é seareiro do Beitar de Xerusalén do que foi directivo.

Tamén é coñecido polo seu humor e austeridade. Sendo xefe do Estado de Israel usou transportes públicos para desprazarse súas viaxes o estranxeiro. O rematar o seu mandato, o servizo de seguridade interior, Shin Bet, deu a coñecer que se procedía a disfrazar a Reuven Rivlen para dotalo de anonimato nalgunhas desas ocasións.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Presidente de Israel

Ligazóns externas

Biografía recollida na páxina web da Presidencia do Estado de Israel (en inglés)

Categoría:Nados en 1939 Categoría:Políticos de Israel Categoría:Presidentes de Israel Categoría:Nados en Xerusalén