José Manuel Costas Estévez, nado en Vigo o 17 de novembro de 1966, é un empresario galego do sector da construción, que se atopa na lista das 70 persoas máis buscadas de Europa.

Traxectoria Carpinteiro de profesión, comezou a traballar en Las Cinco Jotas, a empresa de fabricación de casas de madeira que fundara o seu pai. Como xestor do grupo, foi creando máis empresas, dedicadas a distintos sectores, e pertencentes ao mesmo grupo empresarial. Parte do beneficio do grupo procedía da evasión fiscal, nunha rede na que se viron implicadas ata 200 outras empresas galegas. En 2010 foi detido, e o proceso xudicial que acabou coa súa condena a catro anos e nove meses de cárcere, estendeuse ata 2016 e repartiuse ata en cen procesos diferentes, con 83 sentenzas condenatorias. Por esa razón o seu irmán, Jacobo Costas, así como outras persoas vinculadas á súa administración, foron tamén condenadas e entraron en prisión. José Manuel Costas declarara que o obxectivo da rede era o pagamento de diñeiro a políticos por parte de empresas que recibían concesións e contratos de obra pública, mais non foi probado.

En xullo de 2016, cando Costas debía ingresar no cárcere da Lama, fuxiu e pasou a estar en paradoiro descoñecido. Chegou a figurar na lista das persoas máis buscadas de Europa, que xestiona a Europol. En setembro de 2017, informacións non contrastadas publicadas pola prensa situábano en Xenebra.

Notas

Categoría:Empresarios da construción Categoría:Empresarios de Galicia Categoría:Nados en Vigo Categoría:Nados en 1966 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes