Marta Brañas Rumbo, nada en Arteixo o 3 de agosto de 1985, é unha militar galega, que chegou a ser campioa de España de boxeo profesional. Traxectoria Iniciouse no deporte no kung-fu, onde chegou a ser cinto negro. En 2003 deixou o kung fu pola práctica do boxeo no ximnasio local Planas Box onde Brañas adestrou como puxilista da categoría mosca e, en ocasións, galo e supermosca. En 2009 trasladouse a Madrid para formarse como boxeadora no centro de alto rendemento Blume. Ao ano seguinte lesionouse durante varios meses, pero en 2011 regresou á preparación de boxeo de alto nivel. Uniuse á selección española feminina de boxeo e participou con ela nos mundiais de 2012 de afeccionadas, disputados en Qinhuangdao (China), no peso mosca. Nese mundial competiron tres boxeadoras españolas e Brañas foi derrotada no seu primeiro combate, contra a surcoreana Kim Ye-ji, cando o árbitro detivo a pelexa.
En 2014 obtivo o campionato de España de peso galo en amateur. Nese mesmo ano converteuse na primeira boxeadora profesional galega, ao asinar un contrato cunha promotora dos Estados Unidos. Instalouse en Lakewood (condado dos Ánxeles) e disputou tres pelexas na fornteira mexicana, dúas en Mexicali e unha en Tijuana, que ademais resultan en tres vitorias. Pero nese verán regresa a Galicia e en setembro de 2015 disputa o seu primeiro combate profesional de volta, en Arteixo. En decembro dese ano converteuse na primeira campioa de España de boxeo con carácter profesional nun combate disputado na Coruña, onde venceu a badalonense Maribel de Sousa.
Como boxeadora chamábanlle a "potrilla de Arteixo", que é o español para poldriña, dado que Brañas traballaba na coida e preparación de cabalos e posuía unha poldra. O seu adestrador como púxil foi Chano Planas.
Abandonou o boxeo en maio de 2017 por mor dun conflito económico entre promotores en Panamá, cando estaba a prepararse para un combate polo título mundial dos supermosca contra a peruana Linda Laura Lecca. No total da súa carreira profesional como boxeadora disputou nove combates e gañounos todos
Vida persoal Sen deixar a súa profesión como militar en infantaría, cando abandonou o boxeo comezou a practicar o fútbol coa SCD Pastoriza, de Pastoriza. Tamén compite en saltos de equitación.
Ademais de militar, estuda enfermería na Universidade da Coruña.
Recoñecementos
En 2016 recibiu a "Mención especial" da Asociación de Mulleres Deportistas Galegas (MUDEGA) no marco da IV Gala do Deporte Feminino Galego.
Notas
Categoría:Boxeadores de Galicia Categoría:Nados en Arteixo Categoría:Nados en 1985 Categoría:Boxeadores de peso mosca Categoría:Militares de Galicia Categoría:Boxeadores de peso galo Categoría:Alumnos da Universidade da Coruña Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes