Santiago Comesaña Veiga, máis coñecido como Santi Comesaña, nado en Vigo o 5 de outubro de 1996, é un futbolista galego que xoga na demarcación de centrocampista no Villarreal, da Primeira División Española.
Traxectoria Nado en Vigo, Comesaña formouse como futbolista na Escola Deportiva Val Miñor, na que entrou en idade infantil. Na tempada 2013/14 logrou co equipo xuvenil o ascenso á División de Honra, a máxima categoría do fútbol xuvenil en España, e na seguinte campaña o equipo acadou o quinto posto.
O 9 de xullo de 2015 asinou un contrato co Coruxo FC, equipo da Segunda División B. Debutou na primeira xornada da tempada 2015/16, marcando un gol na vitoria do seu equipo por 2–3 na casa do Atlético Astorga FC. O 6 de decembro marcou un hat-trick na vitoria do seu equipo na casa por 5–1 fronte á SD Compostela. Disputou 37 encontros esa tempada no equipo de Rafa Sáez, 36 deles como titular, e anotou 8 goles.
En xullo de 2016 asinou un contrato de catro anos co Rayo Vallecano na Segunda División Española. Debutou co equipo o 28 de agosto, na segunda xornada da tempada 2016/17, saíndo na segunda parte en substitución de Adri Embarba nun empate 0–0 contra o Real Valladolid no Estadio de Vallecas. Xogou só 11 partidos como titular en liga, nunha mala tempada do equipo madrileño, con ata tres adestradores diferentes. A súa sorte cambiou trala chegada de Míchel, e na tempada 2017/18 foi unha peza clave no equipo que logrou o ascenso á Primeira División.
Debutou na Primeira División na segunda xornada da tempada 2018/19, contra o Atlético de Madrid no Estadio Metropolitano. Disputou 25 partidos e marcou o seu primeiro gol na máxima categoría, fronte á Real Sociedad, pero ao remate da competición o equipo descendeu a Segunda. Con Paco Jémez no banco perdeu protagonismo no equipo, pero recuperouno trala chegada de Andoni Iraola, e na tempada 2020/21 xogou un total de 43 partidos, marcando tres goles e contribuíndo a un novo ascenso á máxima categoría.
Continuou como buque insignia do equipo nas dúas seguintes campañas, nas que sumou 79 encontros máis, a gran maioría deles como titular. Deixou o Rayo no verán de 2023, trala fin do seu contrato e despois de sete anos no club, nos que disputou 219 partidos e marcou 13 goles.
O 29 de xuño fíxose oficial a súa fichaxe polo Villarreal.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas
Datos do xogador en BDFutbol .
Categoría:Nados en 1996 Categoría:Nados en Vigo Categoría:Futbolistas de Vigo Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do Coruxo FC Categoría:Xogadores do Rayo Vallecano Categoría:Xogadores do Villarreal CF