Anna May Wong, nada co nome Wong Liu-tsong nos Ánxeles o 3 de xaneiro de 1905 e finada o 3 de febreiro de 1961 en Santa Monica, foi unha actriz estadounidense, considerada a primeira estrela de cine chinoamericana, a primeira desta orixe en gañarse o recoñecemento internacional. Durante a súa carreira actuou no cine mudo, no cine sonoro, na televisión, no teatro e na radio.

Nada no seo dunha familia de chinoamericanos de segunda xeración, Wong sentiuse atraída cara á actuación dende unha idade temperá. Durante a época do cine mudo actuou no filme The Toll of the Sea de 1922, un dos primeiros filmes rodados a cor, e no filme de 1924 de Douglas Fairbanks The Thief of Bagdad, tralo que se converteu nunha icona de moda e acadou a fama internacional en 1924. Frustrada polos papeis secundarios estereotipados que representaba en Hollywood, Wong trasladouse a Europa a finais dos anos 1920, sendo a protagonista de varias obras de teatro e filmes destacados, entre eles o filme de 1929 Piccadilly. Pasou a primeira metade dos anos 1930 viaxando entre os Estados Unidos e Europa realizando diversos traballos no teatro e no cinema. Actuou en varios filmes dos inicios da época do cine sonoro coma Daughter of the Dragon de 1931 e Daughter of Shanghai de 1937, así como xunto a Marlene Dietrich no filme de 1932 de Josef von Sternberg Shanghai Express.

En 1935 a Metro-Goldwyn-Mayer rexeitou tela en consideración para o papel protagonista da personaxe chinesa O-Lan na versión cinematográfica da obra de Pearl S. Buck The Good Earth, escollendo no seu lugar a actriz de raza branca Luise Rainer. Wong pasou o ano seguinte viaxando pola China, visitando a vila ancestral da súa familia e estudando a cultura chinesa. A finais dos anos 1930 foi a protagonista de varios filmes de serie B para Paramount Pictures, representando papeis de persoas chinesas e chinoamericanas desde unha perspectiva positiva. Durante a segunda guerra mundial ocupou o seu tempo e diñeiro na procura de axuda para a causa chinesa contra o Xapón. Nos anos 1950 volveu á escena pública realizando varias aparicións televisivas.

En 1951 Wong foi a protagonista do programa de televisión The Gallery of Madame Liu-Tsong, o primeiro programa televisivo dos Estados Unidos cunha protagonista de orixe asiática. Sen poder chegar a realizar os seus plans de actuar de novo no cinema co filme Flower Drum Song, Wong faleceu en 1961 ós 56 anos de idade a causa dun infarto, tras padecer unha cirrose nos últimos anos da súa vida. Trala súa morte, Wong foi recordada durante décadas principalmente polos seus papeis estereotipados de "Dama Dragón" e de "muller recatada" que adoitaban ofrecerlle para representar. A súa vida e carreira foron avaliadas de novo a comezos do século XXI grazas a varias obras literarias e filmes retrospectivos.

Traxectoria

Primeiros anos miniatura|esquerda|Anna May Wong no colo da súa nai xunto a súa irmá máis vella, 1905. Anna May Wong naceu o 3 de xaneiro de 1905 co nome de Wong Liu-tsong na rúa Flower Street dos Ánxeles, preto de Chinatown, nunha comunidade integrada de residentes de orixe chinesa, irlandesa, alemá e xaponesa.Hodges 2004, pp. 2, 5. Foi a segunda de sete irmáns, filla de Wong Sam-sing, propietario da lavandería Sam Kee Laundry nos Ánxeles, e da segunda esposa deste, Lee Gon-toy.

Os pais de Anna May eran chinoamericanos de segunda xeración. Os seus avós maternos e paternos residiran nos Estados Unidos dende polo menos o ano 1855. O seu avó paterno fora un mercador propietario de dúas tendas en Michigan Hills, unha zona de minaría de ouro no condado de Placer. Era orixinario de Chang On, unha vila preto de Taishan na provincia de Guangdong. O pai de Anna May pasara os seus anos de mocidade viaxando entre os Estados Unidos e a China, onde casou coa súa primeira muller e tivo un fillo no ano 1890. Volveu ós Estados Unidos a finais dos anos 1890 e casou coa súa segunda esposa Lee Gon Toy, a nai de Anna May, en 1901, ó mesmo tempo que continuaba apoiando economicamente a súa familia na China. A irmá máis vella de Anna May, Lew Ying (Lulu), nacera a finais de 1902.

En 1910 a familia trasladouse ó barrio de Figueroa Street, sendo os únicos chineses no seu edificio e convivindo na súa maioría xunto a familias de orixe mexicano e de Europa oriental. A distancia entre este novo fogar e Chinatown axudáronlle a Anna May a asimilar a cultura estadounidense. Asistiu nun primeiro momento a unha escola pública xunto coa súa irmá, pasando a estudar posteriormente na escola chinesa presbiteriana por mor do acoso racial que sufrían por parte doutros estudantes. Aquí recibía clases en inglés, mais Anna May asistía tamén a clases de chinés polas tardes e os sábados.

Nesa mesma época a produción estadounidense de cinema comezara a trasladarse dende a costa leste ata a zona dos Ánxeles, e Anna May comezou a asistir asiduamente ós cinemas Nickelodeon, obsesionándose cos "flickers", faltando á escola e usando os cartos para a comida para ir ó cinema. Malia o desacordo do seu pai, Anna May decidiu tratar de facerse unha carreira na industria cinematográfica. Ós nove anos de idade solicitoulle insistentemente a varios cineastas que lle desen un papel nos seus filmes, e ós 11 anos de idade adoptou o seu nome artístico de Anna May Wong.

Primeiras actuacións miniatura|dereita|Foto da rodaxe de Bits of Life. De esquerda a dereita: Anna May Wong, Hugh Wiley, Teddy Sampson e o director Marshall Neilan. En 1919 Anna May estaba traballando nos grandes almacéns de Ville de Paris en Hollywood cando Metro Pictures anunciou que precisaban 300 extras femininos para o filme de Alla Nazimova The Red Lantern. Sen o coñecemento do seu pai, unha amizade axudouna a conseguir un papel non acreditado como extra no filme portando unha lanterna. Durante os dous anos seguintes traballou de forma continua como extra en varios filmes, incluíndo aparicións en filmes de Priscilla Dean e Colleen Moore. Aínda na súa época estudantil, Anna May sufriu unha doenza diagnosticada como baile de san Vito, que lle obrigou a perder varios meses de escola. O seu pai levouna a ver a un practicante de medicina tradicional chinesa e os tratamentos resultaron ter éxito, malia que a propia Anna May afirmaría posteriormente que isto debérase máis ó seu desagrado por estes métodos. Porén, o confucianismo e particularmente o taoísmo e as ensinanzas de Laozi terían unha grande influencia na filosofía persoal de Anna May durante a súa vida. A vida familiar da súa familia incluía tamén o pensamento cristián na forma do presbiterianismo, e xa en idade adulta Anna May foi científica cristiá durante un tempo.

miniatura|Escena do filme en Technicolor de 1922 The Toll of the Sea Con dificultades para manter ó día os seus deberes escolares e a súa paixón no cinema, deixou o instituto dos Ánxeles en 1921 procurando unha carreira a tempo completo como actriz. Reflectindo sobre esta decisión, Anna May afirmou nunha entrevista para a revista Motion Picture Magazine en 1931: "Era tan nova cando comecei que sabía que aínda tiña xuventude se fracasaba, polo que decidín darme 10 anos para obter o éxito como actriz". Ese mesmo ano recibiu a súa primeira acreditación pola súa actuación en Bits of Life, considerado o primeiro filme antolóxico, no que representou o papel da muller da personaxe de Lon Chaney, Toy Ling, nun segmento titulado "Hop". Anos despois Anna May afirmou que recordaba este papel con agarimo por ser a única vez na que representou o papel dunha nai.

Á idade de 17 anos representou o seu primeiro papel protagonista no filme en dúas cores Technicolor The Toll of the Sea. Escrito por Frances Marion, a historia do filme era unha adaptación libre da ópera Madama Butterfly. A revista Variety destacou positivamente a Anna May, indicando que realizara unha actuación "extraordinariamente boa". Pola súa banda no New York Times unha crítica indicou: "A señorita Wong provoca no espectador toda a simpatía que esixe o seu papel e nunca repele a un por exceso de 'sentimento' teatral. Ten un papel difícil, un papel que sae mal nove veces de cada dez, pero a súa é a décima actuación. Completamente inconsciente da cámara, cun bo sentido da proporción e unha precisión pantomímica destacada ... Debería aparecer de novo e máis a miúdo na pantalla".

Malia estas críticas positivas, Hollywood resultou ser pouco dado a crear papeis protagonistas para Anna May. A súa etnia foi un detrimento para que os cineastas estadounidenses a visen como unha actriz protagonista. David Schwartz, conservador xefe do Museo Americano da Imaxe en Movemento, afirmou que "medrou ata un nivel de fama de estrela de Hollywood, mais Hollywood non soubo que facer con ela". Anna May pasou os seguintes anos realizando papeis secundarios fornecendo o que James Parish denominou unha "atmosfera exótica", como por exemplo actuando no papel dunha concubina no filme de 1923 de Tod Browning titulado Drifting. En xeral os produtores cinematográficos capitalizaron a crecente fama de Anna May, pero ó mesmo tempo relegárona a papeis secundarios.

Fama e papeis secundarios A idade de 19 anos Anna May foi seleccionada para o papel secundario de escrava mongol no filme de 1924 de Douglas Fairbanks The Thief of Bagdad. Representando un papel estereotipado de "Dama Dragón", as súas breves aparicións en pantalla foron notables tanto para a audiencia coma para a crítica. O filme conseguiu uns 2 millóns de dólares de recadación, contribuíndo a introducir a Anna May ó público xeral. Tras este segundo papel prominente, Anna May trasladouse a vivir ó seu propio apartamento. Consciente de que os estadounidenses víana coma unha "estranxeira" malia nacer e terse criado en California, Anna May comezou a cultivar unha imaxe "flapper". En marzo de 1924 chegou a un acordo para crear a compañía Anna May Wong Productions, planeando producir filmes sobre mitoloxía chinesa. Porén, descubriu que o seu colega de negocios estaba realizando prácticas deshonestas, polo que tras denuncialo e gañar o xuízo, disolveuse a empresa. A súa carreira viuse limitada polas leis antimestizaxe dos Estados Unidos que lle impedían bicarse en pantalla con actores doutras razas, incluso se o personaxe era asiático pero representado por un actor de raza branca, polo que a Anna May resultáballe difícil conseguir un papel de protagonista.

Anna May continuou recibindo ofertas de papeis secundarios exóticos, representando a indíxenas nativas en dous filmes de 1924. Rodada no Territorio de Alasca, representou a unha esquimó en The Alaskan, e de volta nos Ánxeles representou á princesa Tiger Lily en Peter Pan. Ámbolos dous filmes foron rodados por James Wong Howe, e Peter Pan foi o de maior éxito, converténdose nun éxito da tempada de Nadal dese ano. Ó ano seguinte Anna May obtivo eloxios da crítica polo seu papel de muller oriental manipuladora no filme Forty Winks. Malia as críticas favorables continuaba a sentirse insatisfeita cos seus papeis e comezou a procurar outros traballos. En 1925 uniuse a un grupo de actores nun circuíto de vodevil que non obtivo éxito, polo que acabou retornando a Hollywood.

En 1926, Anna May participou xunto a Norma Talmadge na cerimonia da colocación da primeira pedra do Grauman's Chinese Theatre, aínda que non foi invitada a deixar as súas pegadas no cemento. Nese mesmo ano foi a protagonista do filme The Silk Bouquet, re-titulado The Dragon Horse en 1927, un dos primeiros filmes estadounidenses producido con contribucións chinesas, fornecidas neste caso pola asociación Chinese Six Companies de San Francisco. A historia do filme desenvolvíase na China durante a dinastía Ming, e incluía a actores asiáticos nos papeis de personaxes asiáticos.