, nado en Tokyo o 23 de marzo de 1910 e finado na mesma cidade o 6 de setembro de 1998, foi un director, produtor e guionista de cine xaponés. As súas películas influenciaron grandemente unha xeración enteira de realizadores como George Lucas ou Sergio Leone. A súa primeira película acreditada (Sugata Sanshiro) presentouse en 1943 e a última (Madadayo) en 1993. Considerado como un dos máis importantes e influentes directores da historia do cine, Kurosawa dirixiu 30 filmes en 57 anos de carreira.
Kurosawa comezou na industria do cine xaponés en 1936, despois dun breve período como pintor. Despois de moitos anos traballando en filmes como asistente de director e guionista, debutou detrás da cámara en 1943 cun filme de acción Sugata Sanshirō. Despois da segunda guerra mundial, a crítica aclamou O anxo ebrio (1948), no cal Kurosawa escolleu entre o elenco a un daquela descoñecido Toshiro Mifune, facendo medrar a súa reputación como un dos mellores novos directores do Xapón. Os dous homes colaborarían xuntos noutros 15 filmes.
Rashomon, que se estreou en Tokyo en agosto de 1950, converteuse o 10 de setembro de 1951 no gañador sorpresa do León de Ouro no Festival de Cine de Venecia, e máis tarde foi estreada en Europa e Norte América. O éxito comercial e da crítica abriulle a porta do mercado cinematográfico occidental. Durante os anos 1950 e 1960, Kurosawa dirixiu aproximadamente un filme por ano, incluíndo Ikiru (1952), Os sete samurais (1954) e Yojimbo (1961). Despois dos anos 1960, volveuse menos prolífico, pero no seu período final dirixe Kagemusha (1980) e Ran (1985). En 1990, acepta o Óscar á Traxectoria Profesional.
Biografía Primeiros anos e contorna familiar Naceu o 23 de marzo de 1910 no barrio de Omori, a Tokyo, e era o máis pequeno dos oito fillos dunha ilustre familia de antigos samurais, con tres irmáns e catro irmás meirandes. Os seus pais foron Isamu e Shima Kurosawa; Shima Kurosawa, a súa nai, tiña corenta anos no momento do nacemento de Akira, e o seu pai Isamu, corenta e cinco. Isamu, un antigo militar, deulles ós seus fillos unha educación moi estrita. A nenez de Akira quedou marcada por diversos feitos dramáticos familiares, o terremoto de Kanto de 1923 e o suicidio do irmán que el máis admiraba. Dos seus tres irmáns máis vellos, un morrera antes que nacese Akira e un xa marchara da casa. Tamén abandonara o fogar unha das catro irmás grandes para formar a súa propio familia. Unha irmá á que chamaba "pequena grande irmá" morreu de súpeto cando tiña dez anos logo dunha breve enfermidade.
O pai traballou como director dunha escola de secundaria ó servizo do exército xaponés. Financeiramente, a familia estaba por enriba da media. Isamu Kurosawa era un admirador da cultura occidental, tanto nas actividades deportivas, algunhas das cales dirixiu, como nas relacionadas co cinema; levaba a familia para ver filmes, que xa se comezaban a poder ver nos teatros xaponeses. Máis tarde, cando a cultura xaponesa se afastou dos filmes occidentais, Isamu seguiu a crer que este tipo de obras eran unha experiencia educativa moi positiva.
Na escola primaria, Akira comezou a debuxar e apaixonouse pola pintura baixo a influencia dun dos seus mestres, que se fixou no seu talento. Malia a súa vocación artística, máis adiante negaríase a ingresar na Escola de Belas Artes.
Adquiriu unha sólida cultura cinematográfica grazas ó seu pai, un gran cinéfilo e, sobre todo, o seu irmán Heigo que era un benshi (弁士 ou katsudo-benshi 活動弁士), é dicir, un comentarista de filmes mudos para o público analfabeto. Os seus dous irmáns grandes, Heigo e Tachikawa tiveron un fondo impacto nel. Heigo era moi intelixente, gañando diversas competicións académicas, pero tiña tamén o que podería chamarse un "lado escuro" ou "cínico". En 1923, o Gran terremoto de Kanto destruíu Tokyo e matou 100 000 persoas. Durante este acontecemento, Heigo, con 17 anos, e Akira, con 13, fixeron un percorrido a pé ollando a devastación. Os corpos de persoas e animais amoreábanse en todo o lugar, e cando Akira tentou virar a cabeza para evitar o horror, Heigo instouno a que non o fixese; Akira comentou máis tarde que esta experiencia ensinoulle a saber mirar de cara ao terror para poder derrotar a súa capacidade de tonarse en medo.
Durante a transición do cinema mudo ó cinema sonoro, que no Xapón se produciu máis tarde que noutros lugares, os benshi perderon o traballo en todo o país. Heigo organizou unha folga de benshi que fracasou. Akira tamén se implicou nas loitas de sindicatos, escribindo diversos artigos para un xornal, ó tempo que melloraba e ampliaba as súas habilidades como pintor e lía moita literatura. Cando Akira Kurosawa tiña 23 anos, o seu irmán Heigo suicidouse. Catro meses máis tarde, o máis grande dos irmás de Kurosawa tamén morreu, deixando a Akira como o único supervivente dos catro rapaces da familia.
Akira casou coa actriz Yoko Yaguchi. Con ela tivo dous fillos: un deles chamado Hisao, que máis tarde chegaría a converterse en produtor e traballaría co seu pai en diversos filmes (Ran, Yume, Hachigatsu no rapusodī aka Hachigatsu no kyōshikyoku e Mādadayo),Fichaen IMDb e unha filla chamada Kazuko, futura deseñadora do vestiario dos filmes.No ano 2008 gañou o Genie Award for Best Achievement in Costume Design, premio que concede a Academy of Canadian Cinema and Television.
Carreira profesional Mentres que gañaba a vida como ilustrador de libros, en 1936 entra na industria do cinema como axudante de dirección do estudio "Photo Chemical Laboratory". Aprende o oficio coa práctica, a carón do realizador Kajiro Yamamoto de quen se separa en 1941. Fai algúns guións, pero os produtores rexéitanos.
Nun clima de censura, en 1943 realizou o seu primeiro filme, Sugata Sanshiro, que é unha adaptación de Tsuneo Tomita da biografía do gran mestre de judo, filme que conseguiu un éxito moi importante no Xapón. Durante a segunda guerra mundial viuse forzado a dirixir obras cinematográficas de cara á propaganda antiamericana promovida polo goberno xaponés, pero xa na posguerra fixo crítica da sociedade xaponesa, especialmente sobre o immobilismo dos funcionarios.
O seu primeiro grande éxito internacional foi Rashomon (1950), filme co que gañou o primeiro premio na Mostra de Venecia (León de Ouro, 1951) e o Óscar ó mellor filme en lingua estranxeira. Isto significou a súa consagración e o recoñecemento do cinema xaponés a nivel mundial.
Encadenou os éxitos con Hakuchi, Os sete samurais, Trono de sangue, Barbarroxa, pero tamén padeceu uns momentos difíciles cando fracasou no intento de incorporarse ó cinema americano e co pouco éxito do seu primeiro filme en cor, Dodeskaden. Isto levouno a intentar suicidarse en 1971.
Diante das dificultades para producir os seus filmes no Xapón, consegue ser financiado por unha sociedade soviética, "Mosfilm", e realiza Dersu Uzala que lle permite recuperar o camiño do éxito e no 1976 obtén de novo o Óscar ó mellor filme en lingua estranxeira. Nos seus derradeiros filmes recibe o apoio de personalidades como Serge Silberman, Francis Ford Coppola e George Lucas que lle permite realizar obras como Kagemusha (Palma de Ouro no Festival de Cannes de 1980), Ran ou Madadayo.
En 1990 a Academia de Cinema norteamericana outórgalle o Óscar de honra á traxectoria da súa carreira, e no 1994 concédeselle o Premio de Kyōto. Morreu o 6 de setembro de 1998 en Tokyo.
Morte e obras póstumas Despois do accidente en 1995, a saúde de Kurosawa comezou a se deteriorar. Malia que a súa mente continuaba afiada e viva, o seu corpo estaba desistindo, e nos derradeiros seis meses da súa vida, o diretor ficou practicamente confinado na súa cama, escoitando música e vendo a televisón en casa. O 6 de setembro de 1998, Kurosawa morreu dun derramo, en Setagaya, Tokyo, con 88 anos de idade. Foi sepultado no Anyo-jy Temple Cemetery, Kamakura, Kanagawa no Xapón.
Após a morte de Kurosawa, algunhas obras póstumas baseadas nos seus itinerarios non filmados foron producidas. Ame agaru, dirixido por Takashi Koizumi, foi lanzado en 1998, e The Sea is Watching, dirixido por Kei Kumai, estreouse en 2002.
Obra O cine de Akira Kurosawa A súa primeira grande obra foi O anxo ebrio (1948) que marcou o inicio da súa colaboración co actor Toshirō Mifune. Con Rashomon (1950) veulle a notoriedade internacional, xa que foi a primeira película oriental premiada nun festival internacional, concretamente gañou o León de Ouro no Festival de Venecia. Tamén foi premiada co Óscar á mellor película estranxeira.
Adaptou varios novelistas occidentais, como Fiódor Dostoievski en The idiot (O idiota, 1951), William Shakespeare en Trono de sangue (1957) ou Maxim Gorki en The lower depths (Os baixos fondos, 1957).
No 1954 chegou a súa grande obra Os sete samurais. Inspirou numerosos westerns, salientando Os sete magníficos de John Sturges.
Con Dersu Uzala (1975) gañou outra vez o Óscar ó mellor filme en lingua non inglesa. Kurosawa tiña un estilo e unha técnica cinematográfica moi particular e distintiva, era moi perfeccionista e empregaba por exemplo un encadeado entre escenas imitado, a xeito de homenaxe, na saga de filmes Star Wars. Recibiu influencies tanto da tradición oriental (teatros xaponeses Kabuki,No) como da cultura occidental (Shakespeare, Tolstoi e outros autores rusos, e do director norteamericano John Ford).
Nas súas obras, Kurosawa insistiu a describir ou facer unha parábola da sociedade humana. Describiu así a pobreza (Dodeskaden), a violencia urbana (Can salvaxe), a enfermidade e a inmobilidade dos funcionarios (Vivir), a destrución do medio ambiente (Soños), a vellez (Madadayo). Fixo igualmente unha crónica da época medieval (Os sete samurais, Kagemusha, Ran, entre outros). Nos seus filmes, representa frecuentmente escenas oníricas mediante o emprego, por exemplo, de decoracións de seda pintada (Dodeskaden, Kagemusha, Madadayo).
Os seus referentes Unha característica notable dos filmes de Kurosawa é a amplitude e a diversidade das influencies artísticas recibidas. Algúns dos seus filmes están baseados en obres de William Shakespeare. En Ran, ten como referente O rei Lear; Trono de sangue está baseada en Macbeth, mentres que a The Bad Sleep Well (1960) pódense observar certos paralelismos con Hamlet, malia que non se basea nela. Kurosawa tamén dirixiu adaptacións de obras literarias rusas, entre as cales destacan O idiota (1951) de Dostoievski, o seu autor favorito, e os Baixos fondos (1957), da obra de Maxim Gorki. Ikiru está inspirada na obra de Lev Tolstoi, A morte de Ivan Ilich. Dersu Uzala (1975) baseouse nas lembranzas do mesmo título escritas en 1923 polo explorador ruso Vladimir Arseniev. As liñas argumentais de Barbaroxa (1965) pódense atopar en Humillados e ofendidos de Dostoievski.
O ceo e o inferno (1963) baséase en King's Ransom do escritor policial americano Ed McBain. Yojimbo pode estar inpirado na obra de Dashiell Hammett, Red Harvest (Colleita vermella), e tamén nos westerns americanos. Kurosawa apreciábase moito na obra e no estilo de Georges Simenon e O can rabioso foi produto do desexo de Kurosawa por facer un filme ó estilo de Simenon.
Entre as influencies cinematográficas pódense contar directores como Frank Capra, William Wyler, Howard Hawks, o seu mentor Kajiro Yamamoto, e o seu director favorito, John Ford, do cal Kurosawa imitou o hábito de empregar lentes escuroa. Cando Kurosawa se reuniu con Ford, o director norteamericano díxolle sinxelamente: "Gústache a choiva" Kurosawa respondeu: "Realmente estivo prestando atención ós meus filmes". Máis tarde daríalle instrucións a Yoshio Tsuchiya, un dos actores de Os sete samurais, que recuperase o mesmo sombreiro que Ford levou durante a reunión.
Malia as críticas dalgúns sectores xaponeses no senso que era "demasiado occidental", Kurosawa realment estaba profundamente influído pola cultura xaponesa, así como polo teatro Noh e polo Jidaigeki (drama de época), un xénero de cinema xaponés.
O legado artístico