O aeroporto de Colonia Bonn (IATA: CGN, ICAO: EDDK) é o aeroporto internacional da cuarta cidade máis grande de Alemaña, Colonia, e serve tamén a Bonn, a capital da antiga Alemaña Occidental. Con 11,9 millóns de pasaxeiros no ano 2016 é o sexto aeroporto máis concorrido de Alemaña en termos de pasaxe e o terceiro en termos de carga. En marzo de 2015 tiña servizos a 115 destinos de pasaxeiros en 35 países. O aeroporto está localizado no distrito de Porz e está rodeado pola reserva natural ‘’Wahner Heide’’. Atópase no medio da rexión de Colonia/Bonn, a 14,8 km ao sueste do centro de Colonia e a 16 km ao nordés de Bonn. É un dos poucos aeroportos do país que está aberto as 24 horas do día e serve como centro de conexións para Eurowings, Germanwings, FedEx Express e UPS Airlines. Tamén é unha sede das axencias espaciais alemás e europeas DLR e EAC, parte de ESA, que adestran astronautas alí para exploracións espaciais.

Historia Primeiros anos En 1913 engalou o primeiro avión dende a área de adestramento militar de Wahner Heide nun voo de recoñecemento de artillaría. En 1939 construíuse un aeródromo para a ‘’Luftwaffe’’ alemá.

Despois da segunda guerra mundial os militares británicos fixéronse co control do aeroporto e expandírono. Nese tempo construíuse unha pista de 1 866 metros. En 1951 abríronse as súas instalacións ao tráfico civil, substituíndo ao antigo aeroporto de Colonia-Butzweilerhof.

Durande os anos 50 e 60 construíronse dúas pistas máis e unha nova terminal de pasaxeiros. O 1 de novembro de 1970 engalou por vez primeira do aeroporto un Boeing 747 con destino a Nova York.

O aeroporto de Colonia/Bonn foi elixido por United Parcel Service (UPS) en 1986 para situar o seu centro de conexións europeo.

A finais dos 90 o aeroporto iniciou un programa de expansión. Construíronse varios aparcadoiros e unha segunda terminal, e no ano 2004 inaugurouse unha nova estación de tren de longa distancia. O aeroporto é propiedade da cidade de Colonia (31.12%), a República Federal Alemá (30.94%), o estado de Renania do Norte-Westfalia (30.94%), a cidade de Bonn (6.06%) e dous condados (0.94%).

Desenvolvemento nos anos 2000 Coincidindo coa aparición de varias aeroliñas de baixo custo en Alemaña, Colonia/Bonn abriu novas competencias. Isto permitíulle facer ofertas competitivas ás aeroliñas. Grazas a iso Germanwings e TUIfly iniciaron as súas operacións no aeroporto como o seu centro de conexións no outono de 2002. Como resultado, o número de pasaxeiros en 2003 aumentou un 43% con respecto ao ano anterior. A estas aeroliñas uníronselles easyJet a finais de 2003 e Wizz Air en xuño de 2006.

Tamén as Forzas Armadas do Canadá comezaron a usar o aeroporto como unha zona de espera para mover tropas e subministracións en apoio de misións humanitarias e en posibles roles anti-terroristas.

En 2006 a aeroliña brasileira BRA comezou a conectar Colonia co aeroporto de Río de Janeiro-Galeão dúas veces por semana, pero esta ruta desapareceu en abril de 2007 debido a problemas coa aeroliña. Tamén en 2006 iniciouse un voo transatlántico diárico ao aeroporto de Newark Liberty por parte de Continental Airlines operado cun Boeing 757-200. Esta ruta cesou o 4 de setembro de 2008 debido á redución do número de pasaxeiros.

As aeroliñas de baixo custo Ryanair e Norwegian Air Shuttle comezaron a operar dende Colonia/Bonn en maio de 2012. En abril do ano 2014 Ryanair anunciou a apertura da súa quinta base alemá no aeroporto para o mes de outubro dese ano.

En decembro de 2014 Lufthansa anunciou que basearía as operacións de longo alcance de Eurowings en Colonia/Bonn, con voos cara Florida, Suráfrica e o océano Índico que comezarían cara ao final de 2015. Mentres tanto, Condor cancelou o seu servizo cara Varadero despois dunha única estación debido á competencia.

En xuño de 2015 recibiu o premio ACI EUROPE ao mellor aeroporto entre 5 e 10 millóns de pasaxeiros.

Aeroliñas e destinos Pasaxeiros

Carga A aeroporto de Colonia/Bonn é un gran centro de conexións mundial para o transporte de carga principalmente debido a que é un centro de conexións para FedEx Express e UPS Airlines.

Véxase tamén Ligazóns externas Web do aeroporto

Notas

Colonia