A música de Poruchik Kizhe (, traducible ao galego como O tenente Kizhe) de Sergei Prokofev concibiuse orixinalmente como un acompañamento musical ao filme do mesmo nome, producido polos estudos Belgoskino en Leningrado entre 1933 e 1934, e estreado en marzo dese mesmo ano. Constitúe o primeiro intento de Prokofev de compoñer música cinematográfica, e o primeiro encargo que recibiu da Unión Soviética logo do seu exilio pouco despois da Revolución de Outubro de 1917. Posteriormente, Prokofev adaptou a música nunha suite orquestral, o seu Op. 60.

Nos inicios do cine sonoro, varios compositores destacados estaban a desexar introducirse no novidoso campo da música de cine, mais Prokofev non era a elección natural para este encargo. Establecido en París por case unha década, a súa música caracterizábase pola experimentación e a disonancia, calidades que non concordaban coas regras culturais predominantes do réxime soviético. Aínda así, Prokofev estaba a prepararse para regresar á súa patria, e considerou o encargo do filme como unha oportunidade para escribir música nun estilo máis popular e accesible.

Logo da exitosa estrea do filme, a suite en cinco movementos de Poruchik Kizhe, interpretouse por primeira en decembro de 1934, e de seguido converteuse nunha peza habitual do repertorio concertístico internacional. Segue a ser unha das obras máis coñecidas do compositor e ten sido gravada en numerosas ocasións. Partes da partitura foron empregadas en varios filmes posteriores, e en dúas populares cancións lanzadas durante a guerra fría.

Contexto Compositor expatriado miniatura|Sergei Prokofev en 1918. Oriúndo de Ucraína, Sergei Prokofev graduouse no Conservatorio de San Petersburgo en 1914, e daquela xa era coñecido como un compositor de vangarda. O biógrafo Israel Nestyev afirma que o Segundo concerto para piano de 1913 foi «o billete de entrada de Prokofev aos círculos máis altos do modernismo ruso».

Cando estalou a primeira guerra mundial en agosto de 1914, Prokofev esquivou o servizo militar, posiblemente porque era o único fillo dunha viúva. Durante os anos de guerra continuou compoñendo; en maio de 1918, no período de revoltas logo da Revolución de Outubro e o comezo da guerra civil, Prokofev obtivo permiso para viaxar ao estranxeiro, e partiu con destino a América. Os seus biógrafos defenderon que «non fuxiu do país»; senón que se embarcou nunha xira de concertos, a cal decidiu prorrogar convencido de que lograría mellores perspectivas profesionais en América e Europa occidental. Permaneceu en América ata marzo de 1922, cando decidiu marchar, establecéndose primeiro na pequena localidade de Ettal e posteriormente, dende outubro de 1923, en París.

As autoridades soviéticas, máis que tratar a Prokofev como un fuxitivo ou un exiliado, elixiron consideralo como un embaixador xeral da cultura soviética, e o compositor devolveu o favor ao rexistrarse en Francia como cidadán da recentemente creada Unión Soviética, fundada en 1922. O compositor expresou o seu apoio aos desenvolvementos políticos da súa patria natal, e mantívose proclive a volver iniciar relacións cos seus compatriotas. Foille outorgado o tratamento preferente cando realizou a súa primeira visita á Unión Soviética en 1927 con motivo dunha xira de concertos. Posteriormente realizou outras visitas, e en 1930 Prokofev instalouse nun piso en Moscova, a pesar de que París seguiu a ser a súa casa principal. Durante este período de achegamento decidiu simplificar a súa linguaxe musical conscientemente con miras a facelo compatible coa concepción oficial soviética da arte.

Auxe da música cinematográfica Nos primeiros anos do cine mudo, a partir da década de 1890, as películas adoitaban acompañarse con música en vivo, frecuentemente improvisada, mediante un piano ou harmonio. A principios do século XX, os cines máis grandes comezaron a empregar orquestras, que acompañaban a película con música clásica de dominio público ou, de xeito cada vez máis frecuente, bandas sonoras orixinais. A partitura da película clásica de 1916 The Birth of a Nation de Joseph Carl Breil, creada a partir de varias obras de música clásica así como de traballo propio, supuxo un fito na historia da música cinematográfica e inspirou a compositores importantes da época a compoñer música para filmes mudos. Entre eles cabe destacar a Victor Herbert e Mortimer Wilson dos Estados Unidos, a Darius Milhaud e Arthur Honegger de Francia, e Gottfried Huppertz e Edmund Meisel de Alemaña.

En 1927, desenvolvementos posteriores na tecnoloxía do son posibilitaron a aparición das «imaxes parlantes». Ao principio, a música de acompañamento gravábase en disco de xeito separado das imaxes, mais en dous anos o sistema «Movietone» permitiu capturar o son na propia cinta do filme. Xa era posible aliñar a música coa acción en pantalla seguindo un enfoque diexético. Os primeiros en empregar este método foron os alemáns Friedrich Hollaender e Karol Rathaus, que compuxeron a música para os filmes Der blaue Engel (1930) e Der Mörder Dimitri Karamasoff (1931). Daquela, na Unión Soviética, Dmitrii Shostakovich comezara unha prolífica carreira como compositor de bandas sonoras, cos filmes Novyy Vavilon (1929) e Odna (1931).

En 1932 os estudios cinematográficos Belgoskino de Leningrado, que se encontraban planificando o seu proxecto do filme Poruchik Kizhe, recorreron ao expatriado Prokofev para a música do filme. A elección de Prokofev foi sorprendente por varios motivos: daquela era máis coñecido no estranxeiro que dentro da Unión Soviética e a súa fama como compositor disonante precedíalle. Ademais, o seu ballet Le pas d’acier fracasara por completo na súa estrea nacional no Teatro Bolshoi en 1929. A primeira reacción do compositor ruso foi a de rexeitar o encargo. Un membro da produción lembra que Prokofev «rexeitou de xeito categórico a miña proposta. Tiña gran parte do seu futuro xa programado, xamais escribira música para filmes e non sabía que "tipo de salsa" levaban». Mais, atraído pola historia, Prokofev mudou rapidamente de parecer e aceptou, vendo o seu primeiro proxecto no mundo da música para longametraxes como unha oportunidade para probar a súa habilidade para gustar ao público de masas soviético.

Filme de 1933

Orixe O filme Poruchik Kizhe foi un dos primeiros filmes sonoros producidos na Unión Soviética. A orixe da historia hai que buscala no guión de 1927, obra do crítico e novelista Yury Tynyanov, para o director de cine soviético Sergei Yutkevich. Este proxecto non chegou materializarse e Tynyanov adaptou o texto nunha novela curta que publicouse en xaneiro de 1928. A comezos da década de 1930, os estudios Belgoskino de Leningrado comunicaron o seu interese en producir o filme e acudiron a Tynyanov, quen produciu un segundo guión. A historia, en palabras do biógrafo de Prokofev, Harlow Robinson, é «unha sátira da estupidez da realeza e o pavor particular dos rusos de desagradar ao seu superior». Prokofev considerábase a si mesmo daquela «obstinado e temeroso de caer no academicismo»; un crítico posterior pensou que a historia de Kizhe era perfecta para «un compositor cun enxeño cáustico e humor agudo».

Argumento miniatura|dereita|O tsar Paulo I de Rusia. No palacio imperial ruso, mentres o tsar Paulo I dorme placidamente, un flirte amoroso entre dous cortesáns culmina cun accidente que esperta ao tsar. Alporizado, exixe aos seus oficiais que atopen ao culpable baixo pena de exilio. Mentres tanto, un descoido dun funcionario mentres compilaba unha listaxe de militares, resulta na inclusión dun oficial ficticio, «o tenente Kizhe». Ao inspeccionar a listaxe ao tsar chámalle a atención este nome e demanda que o oficial acuda ante a súa presenza. Os cortesáns de palacio están demasiado aterrados como para admitir o erro e ante tal dilema deciden culpar a Kizhe dos ruídos nocturnos mentres se lles ocorre algo. O tsar, ao descubrir o culpable, decide envialo a exilio en Siberia.

Cando o culpable real confesa, Kizhe é perdoado polo tsar e reintegrado na corte imperial co rango de coronel. Os cortesáns, temerosos da reacción do tsar, vense forzados a prorrogar a farsa engadindo éxitos á súa carreira. Entón supostamente casa coa princesa Gagarina, o tsar recompénsao con terras e cartos, e finalmente é nomeado comandante da armada. Cando Paulo I exixe a presenza de Kizhe, os cortesáns séntense acurralados e méntenlle dicíndolle que, desafortunadamente, o xeneral Kizhe faleceu. Organízase un funeral no que recibe os honores militares máis distinguidos. Cando o parsimonioso tsar exixe a devolución da fortuna de Kizhe, méntenlle de novo ao dicirlle que gastara os cartos en luxo, cando de feito, roubárano eles. O tsar táchao de ladrón e degrádao postumamente de xeneral a soldado raso.

Música A pesar da súa inexperiencia na composición de música cinematográfica, Prokofev comezou a traballar na partitura de Kizhe con confianza. Posteriormente afirmou que, «de algún xeito non tiña dúbidas sobre o tipo de linguaxe musical que quería empregar para o filme». Díxolles aos produtores, «para min, o importante é a época, o significado intrínseco de cada evento, a personalidade de cada heroe», e advertiulles de que non esperaran simples «ilustracións» musicais. Prokofev sentiuse atraído polo corte histórico do filme; Robinson comenta que a partitura de Kizhe é unha obra que, xunto coa Sinfonía Clásica, L'Amour des trois oranges, Zolushka e Voyna i mir, mostra «a debilidade do compositor polo século XVIII». A linguaxe que escolleu combinaba elementos en clave de humor e romance cunha melancolía subxacente, dado que el vía a historia máis tráxica que cómica. En París en 1928, Prokofev asistiu á interpretación do Boléro de Ravel e quedou abraiado polo emprego que o compositor francés facía do saxofón, un instrumento que rara vez era empregado en composicións orquestrais fóra de Francia pero que se adaptaba como anel ao dedo ao que Prokofev quería. O compositor Gerard McBurney destaca os «inesquecibles sons do saxofón tenor» que acompañan a música de Kizhe.

O crítico Ernest Chapman eloxia a partitura como «infaliblemente enxeñosa e melódica». Comprende só 15 minutos de música, escrita como unha colección de dezaseis fragmentos curtos ou leitmotivs que se repiten no momento preciso ao longo do filme, para subliñar determinados momentos do drama. Este enfoque afastábase dos movementos sinfónicos amplos que eran norma entón, e Daniel Jeffe, biógrafo de Prokofev descríbeo como «algo avanzado para a época, unha das bandas sonoras máis populares da época».

Produción e recepción O filme, dirixido por Alexander Feinzimmer, realizouse nos estudios Belgoskino de Leningrado, e a música foi gravada baixo a dirección de Isaak Dunaievski. A estrea tivo lugar o 7 de marzo de 1934 en Moscova; e posteriormente en Londres como The Tsar Wants to Sleep e en París como Le Lieutenant Nantes. Prokofev non valorou moi positivamente o filme, aínda que estaba satisfeito coa súa música. Logo de ser estreado en Nova York en decembro dese mesmo ano, o crítico do New York Times describiu o filme como "axustado para os amantes dos detalles e atmosfera auténtica dos filmes ambientados no pasado. Mesmo a introdución de partes cómicas semella que concorda coa tradición rusa". A contribución de Prokofev ao filme non é mencionada nesta crítica.

Suite Composición Pouco despois de estrearse o filme, Prokofev recibiu un encargo da Orquestra Sinfónica da Radio de Moscova para crear unha suite orquestral a partir da música para o filme Kizhe  —probablemente o primeiro exemplo dun arranxo a partir de banda sonora en ser adaptada a unha obra musical notable. O instigador detrás deste encargo era Boris Gusman, o segundo director da orquestra do Teatro Bolshoi e un recoñecido crítico de cine. Gusman era un gran defensor da ambición de Prokofev por reintegrarse na Unión Soviética e negociou coa orquestra moscovita unha xira de concertos para resaltar o talento do compositor.