Uxío da Pena Gutiérrez, nado en Lugo o 3 de agosto de 1990, é un exfutbolista e avogado galego, que xogaba de dianteiro.

Traxectoria Naceu en Lugo o 3 de agosto de 1990, sendo fillo de Xaime da Pena, destacado avogado lucense, político galeguista e músico de grupos como Brath ou Semen Up.

Deu os seus primeiros pasos futbolísticos aos cinco anos na SG Comercial e nos Franciscanos de fútbol sala, proclamándose campión de España coa selección galega aos 10 anos. Tras pasar polo Ural e polas categorías inferiores do CD Lugo, marchou a vivir á Coruña para estudar Dereito, mesma profesión que elixiron seu pai e seu irmán Xaime. Mentres estudaba xogou en varios equipos (Eirís SD, CD Castro, Galicia de Mugardos e Eume) ata que en 2013 fichou polo Atlético Arteixo, co que marcou 32 goles en 28 partidos e logrou o ascenso a Preferente.

Xogou os tres seguintes anos no Cerceda, en Terceira División, acadando nas tres tempadas a fase de ascenso a Segunda B. No primeiro ano marcou 17 goles mentres que no segundo caeu lesionado na primeira xornada, co ligamento cruzado do xeonllo roto, polo que se perdeu o resto da tempada, recuperándose só para xogar a fase de ascenso. Na súa terceira tempada en Cerceda acabou como máximo goleador da categoría, con 27 goles. O 1 de xullo de 2017 foi fichado polo Deportivo da Coruña para o seu equipo filial, logo do ascenso deste á Segunda División B. Anotou 9 goles na fase regular da súa primeira tempada no Fabril, rematando o equipo segundo clasificado. Na fase de ascenso a Segunda, marcou un gol na ida e outro na volta na eliminatoria fronte ao Extremadura, pero o equipo caeu eliminado polo valor dobre dos goles en campo contrario. Na súa segunda tempada no filial deportivista anotou 5 goles e o club perdeu a categoría tras rematar último.

No verán de 2019 fichou polo Salamanca CF UDS, da Segunda B. No oitavo partido de liga contra o Guijuelo, marcou o primeiro gol do seu equipo e poucos minutos despois caeu lesionado ao sufrir unha nova rotura do ligamento cruzado, lesión que o mantivo afastado do campo durante todo o resto da campaña. Na tempada 2020/21 disputou 23 partidos, case todos como suplente, e ao remate da competición deixou o club, descontento coa directiva.

En xullo de 2021 anunciouse a súa fichaxe polo Bergantiños, que viña de ascender á nova Segunda División RFEF. Co equipo de José Luis Lemos disputou 19 encontros, 9 deles como titular, e marcou un gol na primeira rolda da Copa do Rei, na vitoria por 2-0 contra o Tudelano, de Primeira RFEF. Con todo, no club de Carballo non contou cos minutos de xogo que esperaba e no mercado invernal chegou a un acordo coa entidade para saír do equipo e fichar polo Arenteiro, da mesma categoría.

Debutou co equipo verde nun partido contra o Langreo no Nuevo Ganzábal, contribuíndo a que o seu equipo lograse un valioso punto ao darlle a asistencia ao senegalés Sylla no gol do empate. Con todo, só puido disputar cinco partidos co equipo dirixido por Fran Justo, pois menos dun mes despois da súa chegada volveu sufrir unha lesión de xeonllo, nun encontro ante o Pontevedra no Espiñedo. Tras un terceiro paso polo quirófano e despois de preto dun ano de recuperación, período no que faleceu seu pai, anunciou que deixaría o fútbol ao concluír o histórico partido do seu equipo diante do Atlético de Madrid na Copa do Rei, encontro que viu dende o banco.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en lapreferente.com .

Categoría:Nados en 1990 Categoría:Nados en Lugo Categoría:Futbolistas de Lugo Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do CD Castro Categoría:Xogadores do Atlético Arteixo Categoría:Xogadores do CCD Cerceda Categoría:Xogadores do Deportivo Fabril Categoría:Xogadores do Salamanca CF UDS Categoría:Xogadores do Bergantiños FC Categoría:Xogadores do CD Arenteiro Categoría:Avogados de Lugo