Vincentas Sladkevičius, nado o 20 de agosto de 1920 en Žasliai e finado o 28 de maio de 2000 en Kaunas, foi un eclesiástico católico latino lituano, arcebispo de Kaunas entre 1989 e 1996, e cardeal dende 1988.
Traxectoria Vincentas Sladkevičius naceu en Žasliai (Kaišiadorys) o 20 de agosto de 1920, sendo o menor dos cinco fillos que tiveron Mykolas Sladkevičius e a súa dona Uršule Kavaliauskaite (os outros foron Ona, Emilija, Jonas e Marija). Logo de estudar no seminario de Kaunas e na Facultade de Teoloxía da Universidade Vytautas Magnus, foi ordenado sacerdote o 25 de marzo de 1944. A continuación, exerceu o seu ministerio pastoral en Kaišiadorys até 1959, ademais de exercer de profesor e director de estudos no seminario de Kaunas.
O 14 de novembro de 1957 Sladkevičius foi nomeado bispo auxiliar sedi datus de Kaišiadorys e bispo titular de Abora. Recibiu a súa consagración episcopal no seguinte 25 de decembro de mans do bispo Teofilius Matulionis. Porén, o goberno comunista do seu país impediulle exercer o seu ministerio, e pasou a residir en Nemunėlio Radviliskis baixo virtual arresto domiciliario entre 1963 e 1982. En 1975 ingresou na Congregación dos Padres Marianos. O 15 de xullo de 1982 foi nomeado administrador apostólico ad nutum Sanctae sedis de Kaišiadorys, e converteuse en presidente da Conferencia Episcopal Lituana o 27 de abril de 1988.
O papa Xoán Paulo II creouno cardeal no consistorio do 28 de xuño de 1988, co título de cardeal-presbítero de Spirito Santo alla Ferratella. O mesmo papa nomeouno o 10 de marzo de 1989 arcebispo de Kaunas, permanecendo no cargo até a súa renuncia o 4 de maio de 1996.
En 1998 foi condecorado coa Orde de Vytautas o Grande. Finou en Kaunas o 28 de maio de 2000, e está enterrado na catedral local. Notas
Categoría:Nados en 1920 Categoría:Nados no condado de Kaunas Categoría:Finados en 2000 Categoría:Bispos católicos de Lituania Categoría:Arcebispos da Igrexa católica latina Categoría:Bispos católicos do século XX Categoría:Cardeais de Lituania Categoría:Cardeais creados por Xoán Paulo II Categoría:Alumnos da Universidade Vytautas Magno Categoría:Marianos da Inmaculada Concepción Categoría:Relixiosos católicos de Lituania