Frei Álvaro Pais (tamén coñecido en latín Alvarus Pelagius, e en castelán Álvaro Pelayo ou Álvaro Pelagio), nado no Salnés, c. 1275, e finado en Sevilla o 25 de xaneiro de 1352, foi un teólogo franciscano galego e bispo de Silves (1334-1352).

Traxectoria Naceu arredor de 1275. Crese que Álvaro fose fillo ilexítimo do trobador galego Paio Gómez Chariño. Estudou primeiramente na corte de Sancho IV de Castela, partindo despois para Italia, co obxectivo de estudar dereito en Boloña e Perugia. En Boloña, tendo por mestre a Guido de Baisio, obtivo o grao de doutor nos dous dereitos (o civil e o canónico).

En 1304, contactando cos Frades Menores reunidos en capítulo en Assis, e en particular co seu Mestre-Xeral, Gonçalo de Balboa, ingresou naquela orde mendicante, renunciando aos seus bens e doándoos ós pobres. Estivo envolto nas disputas internas da orde, achegándose ós espirituais, que defendían unha interpretación máis rigorosa das palabras de San Francisco no que tocaba á pobreza. Porén, por obediencia ó Papa (Xoán XXII), acabou por se afastar desa corrente.

Permaneceu en Italia, primeiro en Perugia, despois en Assis, e mudándose finalmente a Roma, estabelecéndose na Igrexa de Santa María de Aracoeli. Gran defensor do primado do Papa sobre o poder dos príncipes, tornouse legado do Papa Xoán XXII no conflito que o opuña xunto do Emperador, Lois IV de Baviera. Cando o Emperador fixo coroar o seu representante, Pietro Rainalducci, como Antipapa (baixo o nome de Nicolao V), Álvaro fuxiu para Anagni (1328), setenta quilómetros ó suroeste de Roma.

Dende alí partiu para Aviñón (1330), onde se atopaba o Papa coa súa corte, exercendo o cargo de penitenciario apostólico. En 1332, o Papa liberouno da súa condición de bastardo, o que lle permitía o acceso a cargos eclesiásticos, sendo nomeado bispo titular da diocese de Corona, en Grecia. Porén, non chegou a tomar posesión.

O 9 de xuño de 1333, o Papa nomeouno bispo de Silves, regresando por fin á Península Ibérica. Estivo envolto no conflito co rei portugués Afonso IV, por non o apoiar na guerra que este declarara ó monarca castelán Afonso XI, así como por non concordar cos impostos extraordinarios lanzados sobre os bens eclesiásticos para poder manter o conflito. Chegou a ser atacado por sicarios do rei, fuxindo para Sevilla, cidade dende onde continuou a rexer a súa diocese até á súa morte.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Categoría:Nados en 1275 Categoría:Finados en 1352 Categoría:Nados na provincia de Pontevedra Categoría:Teólogos de Galicia