O cancro de mama ou carcinoma de mama é o cancro que se desenvolve no tecido mamario. Entre os sinais de cancro de mama están a aparición dun nódulo na mama ou preto da mama na zona da axila, alteracións na forma ou na aparencia da mama, como retracción da mamila, pel da mama, aréola ou mamila con aparencia escamenta, vermella ou con vultos, ou mesmo sensibilidade na mamila e secreción ou perda de líquido pola mamila. En persoas coa doenza diseminada, pode verificarse tamén dor ósea, ganglios linfáticos avultados, falta de aire e ictericia.
Entre os factores de risco para o desenvolvemento de cancro de mama cóntanse ser de sexo feminino, a idade, a obesidade, a falta de exercicio físico, o consumo de alcohol, a terapia hormonal substitutiva durante a menopausa, a radiación ionizante, a idade precoz da primeira menstruación, ter fillos en idade tardía ou non ter tido fillos. Entre o 5 e o 10% dos casos son causados por xenes herdados dos pais da persoa, entre os cales están o BRCA1 e o BRCA2. O cancro da mama desenvólvese polo xeral nas células do revestimento das canles mamarias e dos lóbulos onde se produce o leite. Os cancros que se desenvolven nas canles son denominados carcinomas ductais, mentres que os que se desenvolven nos lóbulos son denominados carcinomas lobulares. Existen 18 sub-tipos de cancro da mama. Algúns cancros desenvólvense a partir de condicións premalignas como o carcinoma ductal in situ. A diagnose de cancro da mama é confirmado a través dunha biopsia do nódulo en cuestión. Unha vez realizada a diagnose, realízanse máis exames para determinar se o cancro se diseminou fóra da mama e a que tratamentos pode responder.
A ponderación entre as vantaxes e desvantaxes do cribado do cancro de mama aínda é un tema controvertido. Unha revisión de 2013 da Cochrane afirmou que non está claro que o cribado mamográfico teña máis beneficios ou prexuízos. Outra revisión de 2009 por un grupo de traballo dos Estados Unidos (US Preventive Services Task Force) atopou evidencias de beneficios en persoas de entre 40 e 70 anos de idade, recomendando o cribado cada dous anos para as mulleres entre os 50 e 74 anos de idade.
Como medida de prevención, en persoas con risco elevado de desenvolver cancro de mama, poden empregarse os fármacos tamoxifeno e raloxifeno. Outra medida de prevención en mulleres con risco agravado é a extirpación cirúrxica de ambas as mamas. En persoas ás que lles foi diagnosticado o cancro, están dispoñíbeis unha serie de tratamentos, incluíndo cirurxía, radioterapia, terapia hormonal e terapia dirixida. Dependendo do tipo de intervención necesario, a cirurxía pode conservar a mama (p.e. cuadrantectomía) ou ser realizada unha mastectomía. A reconstrución mamaria pode facerse durante a cirurxía ou nunha data posterior. Nas persoas nas que o cancro xa se diseminou para outras partes do corpo, os tratamentos están dirixidos a prolongar a vida, mellorar o conforto e a calidade de vida.
O prognóstico para o cancro de mama varía en función do tipo de cancro, extensión da doenza e idade da persoa. A taxa de supervivencia en países desenvolvidos é elevada, sendo máis reducida nos países en vías de desenvolvemento. Cando se considera todo o mundo, o cancro de mama é a causa máis común de cancro en mulleres, correspondendo o 25% de tódolos casos. En 2012, foi responsábel de 1,68 millóns de casos e 522 000 mortes. É máis común en países desenvolvidos e é máis de 100 veces máis común en mulleres que en homes.
Sinais e síntomas miniatura|esquerda|Sinais iniciais que indican a posibilidade dun cancro de mama. O primeiro síntoma perceptíbel de cancro de mama é xeralmente a aparición dun nódulo na mama ou na zona dos ganglios linfáticos das axilas, cuxa sensación durante a palpación é diferente do tecido envolvente. Máis do 80% dos casos de cancro de mama son descubertos cando a muller sente un nódulo durante a palpación. Alén dos nódulos, entre os sinais dun posíbel cancro de mama están un espesor diferente do restante tecido mamario; alteracións na forma, tamaño ou aparencia dunha mama; a retracción ou alteración de posición ou forma dunha mamila; pel da mama, aréola ou mamila con aparencia escamenta, vermella ou con vultos; secreción ou perda de líquido pola mamila; dor constante en parte da mama ou da axila e inchazón por baixo da axila ou arredor da clavícula.
miniatura|Mama con cancro onde son visíbeis a retracción da mamila, un nódulo e retracción da pel. O carcinoma inflamatorio de mama é un tipo particular de cancro de mama cuxa diagnose é bastante difícil, xa que non se manifesta a través dun nódulo palpábel. Os síntomas poden asemellarse a unha inflamacións das mamas, incluíndo proído, dor, inchazón, inversión da mamila, calor, ton avermellado por toda a mama e textura da pel semellante a unha pela de laranxa. Nalgúns casos, o cancro de mama preséntase como doenza metastática; ou sexa, cancro que se diseminou no corpo alén do órgano inicial. Os síntomas causados polo cancro de mama metastático dependen da localización das metástases. Os lugares máis comúns son os ósos, fígado, pulmóns e cerebro.
A doenza de Paget de mama é unha síndrome maligna que é responsábel de entre o 1 e o 4,3% de tódolos cancros de mama. Maniféstase a través de alteracións na pel semellantes a un eccema, como ton avermellado, descoloración ou escamadura da pel da mamila. A medida que a doenza avanza, os síntomas inclúen formigo, proído, aumento da sensibilidade e dor, podendo tamén producirse secrecións da mamila. Case a metade das mulleres diagnosticadas con doenza de Paget de mama inflamatorio tamén presentan un nódulo no peito. En casos raros, aquilo que inicialmente aparenta ser un fibroadenoma (nódulo duro, móbil e non-canceroso) pode en realidade ser un tumor filoide, responsábel do 0,5% dos cancros de mama. Estes tumores fórmanse no estroma (tecido conxuntivo) da mama e son clasificados como benignos, dubidosos ou malignos.
Existen tamén síntomas non específicos de cancro de mama; isto é, síntomas que tamén poden ser manifestacións doutras doenzas. A perda de peso inexplicábel pode por veces ser un sinal de cancro de mama, así como síntomas de febre e calafríos. As dores nos ósos ou articulacións, ictericia e síntomas neurolóxicos poden ser manifestacións de cancro de mama metastático. A dor nas mamas é unha ferramenta pouco fidedigna para determinar a presenza ou ausencia de cancro da mama, mais pode ser indicativa doutras doenzas mamarias.
A maior parte dos casos de síntomas de doenzas mamarias non implican unha diagnose de cancro. Por exemplo, só menos do 20% dos nódulos detectados son canceríxenos. As doenzas benignas da mama, como a mastite e o fibroadenoma, son causas moito máis comúns dos síntomas aquí descritos. Porén, a aparición de calquera síntoma debe ser tomada en serio, xa que existe a posibilidade de que sexa cancro da mama, independentemente da idade da persoa.
Factores de risco Os factores de risco para o cancro de mama poden ser divididos en dúas categorías: modificábeis e non modificábeis. Os modificábeis son comportamentos que as propias persoas poden alterar, como o consumo de bebidas alcohólicas, mentres que os non modificábeis son factores que non poden ser alterados, como a idade ou o sexo da persoa. Os principais factores de risco para o cancro de mama son o sexo feminino e a progresión da idade. Entre outros potenciais factores de risco están factores xenéticos, non ter tido fillos ou non ter aleitado, a maior cantidade de determinadas hormonas, e a obesidade, principalmente após a menopausa.
Estilo de vida miniatura|esquerda|Varios comportamentos modificábeis ligados ó estilo de vida aumentan o risco de cancro de mama. Entre eles están o fumar, que aumenta o risco entre un 35% e un 50%, a ausencia de actividade física, unha dieta rica en graxas, a obesidade, a inxestión de bebidas alcohólicas e a exposición a radiación e varios produtos químicos. Fumar aumenta o risco de cancro de mama. O risco aumenta de forma proporcional á cantidade fumada e á precocidade na idade que se comezou a fumar. En fumadores veteranos, o risco é entre un 35% e un 50% maior que nos non fumadores. Preto do 10% dos casos da doenza están relacionados coa ausencia de actividade física. Permanecer sentado regularmente e por longos períodos de tempo está asociado a unha maior mortalidade por cancro de mama. Este risco non desaparece co exercicio regular, malia que haxa unha diminución.
Existe unha relación entre a dieta e o cancro de mama. O risco da doenza é maior cunha dieta rica en graxas, coa inxestión de alcohol, e coa obesidade relacionada con niveis excesivos de colesterol. A insuficiencia de iodo na dieta pode tamén influenciar no risco.
Entre outros factores de risco están a radiación, e o traballo por quendas. Están tamén asociados ó aumento do risco algúns produtos químicos, como o bifenilpoliclorado, hidrocarburos aromáticos policíclicos, disolventes orgánicos e determinados pesticidas. Malia que a radiación recibida durante unha mamografía é unha dose moi baixa, estímase que o cribado anual entre os 40 e os 80 anos de idade é a causa de aproximadamente 225 casos fatais de cancro de mama por cada millón de mulleres.
Existe unha asociación entre a contracepción hormonal e o desenvolvemento de cancro de mama durante a premenopausa, aínda que se está a debater se o uso de contraceptivos orais causa de facto a doenza. Porén, mesmo que haxa algunha relación, o efecto global será pouco significativo. Alén diso, non está claro se esa asociación continúa existindo cos contraceptivos orais de última xeración. En persoas con mutacións xenéticas que causan predisposición para cancro de mama (xenes BRCA1 ou BRCA2) ou que teñen antecedentes familiares de cancro de mama, o uso de contraceptivos orais de última xeración non semella ter influencia no risco de cancro de mama. As mutacións que poden causar cancro de mama foron asociadas experimentalmente á exposición a estróxenos.
A relación entre a lactación e o cancro de mama aínda non está inequivocamente demostrada. Algúns estudos sinalan a existencia dunha asociación mentres que outros non o fan. A comezos da década de 1980, xurdiu a hipótese de que o aborto inducido aumentaba o risco de desenvolver cancro de mama. Porén, esta hipótese foi obxecto de investigación extensa nas décadas seguintes, tendo a comunidade científica concluído que nin o aborto inducido nin o aborto espontáneo están asociados a calquera aumento do risco de cancro de mama.
Xenética miniatura|As mutacións nos xenes BRCA son herdadas de forma dominante, a partir de calquera dos proxenitores. A predisposición xenética é a principal causa do 5 ó 10% de tódolos casos de cancro de mama e pode ter un papel menor na maioría dos restantes casos. En menos do 5% dos casos, a xenética ten un papel máis activo ó causar síndrome de cancro hereditario de mama e ovario en persoas con mutacións nos xenes BRCA1 e BRCA2. Estas mutacións corresponden ó 90% do total de influencia xenética, cun risco de cancro de mama de 60 a 80% en persoas afectadas. Entre outros xenes con mutacións significativas están o p53 (síndrome de Li-Fraumeni), PTEN (síndrome de Cowden), STK11 (síndrome de Peutz–Jeghers), CHEK2, ATM, BRIP1 e PALB2.
En persoas con ningún, un ou dous pais afectados, o risco de cancro de mama antes dos 80 anos de idade é de 7,8%, 13,3% e 21,1%, respectivamente, sendo a mortalidade da doenza de 2,3%, 4,2% e 7,6%, tamén respectivamente. En persoas cun parente en primeiro grao coa doenza, o risco de ter cancro de mama entre os 40 e 50 anos de idade é o dobre en relación ó resto da poboación.
O xene GATA3 controla directamente a expresión dos receptores de estróxeno e doutros xenes asociados coa diferenciación epitelial. A perda do GATA3 provoca a perda de diferenciación e unha diagnose menos favorábel debido á invasión celular e metástase.
Condicións médicas