Penelope Fitzgerald, ou co nome de solteira Penelope Knox, nada en Lincoln o 17 de decembro de 1916 e finada en Londres o 28 de abril de 2000, foi unha novelista, poeta, ensaísta e biógrafa inglesa, galardoada co Premio Booker de 1979.

Traxectoria Naceu no seo dunha familia de intelectuais: foi filla de Edmund Knox, editor da revista satírica Punch,e sobriña dos teólogos Ronald e Wilfred Knox, o primeiro novelista e o segundo, especialista na Biblia, e tamén do clasicista e criptólogo Dolly Knox. Por parte de nai era neta do bispo de Lincoln e seguiu os pasos da nai para formarse no Somerville College, na Universidade de Oxford.

Traballou na BBC durante a segunda guerra mundial e, en 1941, casou co militar irlandés Desmond Fiztgeral, do matrimonio naceron tres fillos. Tamén foi ensinante de francés na escola londiniense Queen's Gate School, onde tivo a Camila do Reino Unido como alumna.

Comezou a publicar a súa obra de forma serodia: en 1975, con 58 anos, saíu do prelo o seu primeiro libro, unha biografía do pintor prerrafaelita Edward Burne-Jones. A súa primeira novela foi The Golden Child (1977), na que mestura o cómico e o misterio. No anos seguintes acadou sona con catro novelas de forte contido autobiográfico: The Bookshop (1978), Offshore (1979), Human Voices (1980) e At Freddie's (1982). Finalista do premio Booker en 1978 con The Bookshop, gañaría este recoñecemento no ano seguinte grazas a Offshore na que a protagonista vive nun barco no Támese, como ela mesma fixera. Posteriormente, interesouse por novelar feitos ambientados no pasado como en Innocence (1986), onde recrea o romance entre unha aristócrata e un comunista na Italia da década de 1950, ou a Rusia prerrevolucionaria en The Beginning of Spring (1988).

Foi considerada como unha das autoras máis senlleiras das letras británicas do século XX, tal e como recoñeceu o xornal The Times en 2008. Ademais, en 2012, The Observer incluíu a súa derradeira novela, The Blue Flower entre as "dez mellores novelas históricas.

Obra Biografía Edward Burne-Jones (1975) The Knox Brothers (1977) Charlotte Mew and Her Friends: With a Selection of Her Poems (1984)

Novela The Golden Child (1977) The Bookshop (1978) Offshore (1979) Human Voices (1980) At Freddie's (1982) Innocence (1986) The Beginning of Spring (1988) The Gate of Angels (1990) The Blue Flower (1995)

Relato The Means of Escape (2000), póstuma.

Ensaío A House of Air (2005)

Cartas So I Have Thought of You. The Letters of Penelope Fitzgerald (2008), editado por Terence Dooley con prefacio de A. S. Byatt.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas "How did she do it?", por Julian Barnes en The Guardian o 26 de xullo de 2008 . "The Unknown Penelope Fitzgerald", Edmund Gordon,TLS, 30 de xuño de 2010 Penelope Fitzgerald Was Here: An Appreciation , Courtney Cook, Los Angeles Review of Books, 23 de xaneiro de 2015.

Categoría:Escritores en lingua inglesa Categoría:Finados en 2000 Categoría:Nados en 1916 Categoría:Escritores de Inglaterra Categoría:Alumnos da Universidade de Oxford