miniatura|dereita|240px|Unha agatuñadeira eurasiática (S. europaea caesia) en pleno voo. Esta especie presenta a maioría das características comúns das agatuñadeiras, como un peteiro longo e bicudo, partes superiores de cor azul agrisada e partes inferiores claras. Obsérvase tamén o menor tamaño lonxitudinal da primeira pluma remeira primaria. Os sítidos (Sittidae) son unha familia de aves paseriformes que comprende un único xénero, Sitta, formado por 28 especies. Reciben vulgarmente o nome de agatuñadeiras e tamén se lles chamou gabeadores, aínda que este nome tamén se lles dá aos Certhia e Tichodroma, que non están directamente relacionados. En Galicia vive a especie Sitta europaea (agatuñadeira eurasiática).
Caracterízanse por ter a cabeza grande, a cola curta, o peteiro bicudo e as patas fortes. A maioría das especies teñen as partes dorsais grises ou azuladas, e unha lista ocular negra, que contrastan coas partes inferiores claras, aínda que algunhas especies do sueste asiático, como S. formosa, teñen plumaxes máis complexas e coloridas. A deda externa destas aves está unida na súa base á deda media, grazas ao cal poden gabear pola codia das árbores doadamente, igual que os petos.
A maioría das agatuñadeiras habita en bosques temperados ou de montaña das rexións holártica e indomalaia, mais dúas das súas especies adaptáronse a ambientes rochosos de zonas máis cálidas e secas de Eurasia. Porén, a maior diversidade encóntrase no sur de Asia, e as semellanzas entre especies fan difícil a identificación. A maioría son aves sedentarias e viven na mesma zona todo o ano; porén, a especie norteamericana S. canadensis migra cara a climas temperados durante o inverno. Algunhas especies teñen distribución restrinxida e están ameazadas pola deforestación.
Son paxaros omnívoros: aínda que se alimentan principalmente de insectos, complementan a súa dieta con noces e sementes, especialmente en inverno. Buscan insectos ocultos entre a codia das árbores gabeando polos troncos e pólas, ás veces boca abaixo, e rara vez pousan en matogueiras ou no chan. Adoitan alimentarse en solitario no seu territorio durante a tempada de reprodución e cría, sinalándoo con fortes gritos e cantos sinxelos; mais poden unirse a bandadas mixtas para conseguir alimento durante o resto do ano. Teñen o costume de almacenar alimento entre as fírgoas da codia das árbores.
Viven e aniñan en buratos ou gretas; as especies máis pequenas poden escavar o seu propio burato nas árbores, pero as demais reutilizan de forma sistemática as cavidades xa existentes. Moitas agatuñadeiras estreitan a entrada do seu niño con barro, co propósito de reducir o diámetro e limitar a depredación ou a competencia.
Descrición
miniatura|240px|Grazas ás súas fortes garras poden gabear e permanecer colgados, como este Sitta carolinensis en Ontario, Canadá. As agatuñadeiras forman unha familia relativamente homoxénea morfoloxicamente. Son aves repoludas con ás curtas arredondadas e cola curta, cadrada e con doce plumas. Cada á ten dez plumas primarias, a primeira delas máis curta. O peteiro é robusto, longo e bicudo; as patas son curtas e con dedas con disposición anisodáctila, que posúen garras fortes. En xeral, as súas partes superiores son de cor azul cincenta, aínda que algunhas especies asiáticas teñen a plumaxe azul violácea (estas especies teñen peteiros amarelos ou avermellados). En cambio, as súas partes inferiores son de coloracións claras e cálidas, que varían desde unha cor abrancazada a diversos tons beixes, amarelos, laranxa, vermello ou lila, especialmente vivos na zona peitoral. Estas cores contrastan cos tons verdes e castaños predominantes nos bosques, pero a súa plumaxe dorsal é dabondo escura como para que estes paxaros pasen desapercibidos.
Os patróns da cabeza varían segundo a especie. Na súa maioría consisten nunha longa lista ocular negra e un píleo total ou parcialmente escuro que contrasta cunha lista superciliar case sempre presente. Apenas presentan dimorfismo sexual, pero machos e femias poden diferir na cor da zona inferior, sobre todo nos flancos e debaixo da cola. En especies con lista ocular ou píleo escuros, os machos adoitan ser máis pálidos e claros que as femias. Os exemplares novos ou aves de menos dun ano son case indistinguibles dos adultos. Todas as especies realizan, polo menos, unha muda despois da tempada de reprodución e algúns incluso unha muda prenupcial. Os individuos máis novos experimentan durante o verán a súa primeira muda posxuvenil, agás a das plumas de voo.
O tamaño varía entre as distintas especies e subespecies, aínda que todas son aves pequenas. As agatuñadeiras que habitan nos bosques de coníferas adoitan ser máis pequenos (como tendencia xeral); un exemplo é o reducido tamaño das subespecies asiáticas da agatuñadeira eurasiática (S. europaea) en comparación coa subespecie nominal. A especie S. magna, que é a máis grande do xénero, alcanza os 19,5 cm de lonxitude e pesa entre 36 e 47 g. Noutro extremo están S. canadensis, S. pusilla e S. pygmaea, que chegan a medir só 10 cm de longo e pesar arredor de 10 g. A lonxitude da á varía entre 60 e 120 mm dentro de cada especie, pero cunha variabilidade xeográfica significativa e con moitas semellanzas entre elas. Por exemplo, para especies que non se parecen, como S. tephronota e S. neumayer, as ás teñen a mesma lonxitude, de pouco máis de 80 mm, pero a primeira especie é de maior tamaño que a segunda, aínda que son simpátricas.
Ecoloxía e comportamento Vocalizacións
Son aves ruidosas e emiten diferentes tipos de asubíos, trilos e alaridos nas súas chamadas. Os cantos de cortexo adoitan ser idénticos ás súas chamadas de contacto aínda que máis prolongados. Algunhas especies defenden o seu territorio durante a tempada de reprodución con cantos e chamadas fortes, con tons de tipo desafiante ou de preparación para o combate. En América do Norte, a agatuñadeira canadense (S. canadensis), que comparte en gran medida a súa área de distribución co paxaro Poecile atricapillus, pode recoñecer os gritos deste último. O Poecile emite sutís variacións nas súas chamadas de alarma que informan sobre o risco e tamaño de posibles depredadores. Aínda que a maioría das aves recoñecen as chamadas de alarma doutras especies, a agatuñadeira pode interpretar tales variacións nos gritos dos Poecile e responder axeitadamente.
Considérase que o canto da agatuñadeira eurasiática é o máis variado e audible da familia, e consiste nunha serie de asubíos claros, lentos e lixeiramente ascendentes ou descendentes. Describiuse como «vuih, vuih, vuih, vuih… ou viiu, viiu, viiu, viiu… ou en variacións rápidas, vivivivivivivi, con clara sonoridade». En 1996 publicáronse algúns sonogramas de chamadas e cantos de S. e. arctica, e neles a voz foi descrita como «significativamente diferente» á da agatuñadeira eurasiática, pero non se realizou unha investigación definitiva do tema.
Reprodución miniatura|dereita|Un S. carolinensis alimentando os seus pitiños desde a entrada do niño no oco dunha árbore.miniatura|150px|dereita|Corte transversal do niño dun S. neumayer nun cantil, no que se observa a parede (parte máis escura) feita con lama.
Todos os sítidos constrúen o seu niño nas cavidades das árbores, coa excepción de dous que aniñan en ambientes rochosos —o S. neumayer e o S. tephronota—, e fan os seus niños en covas preexistentes ou ocos de petos (Dendrocopos major) en árbores vellas. Un simple burato recheo con materiais moles pode acomodar a posta. Algunhas especies incorporan ao seu niño musgo, herba, pelos e plumas, como fan o resto dos paseriformes; outros, en cambio, utilizan cachos de codias e cascas de sementes.
Os membros da superespecie S. canadensis furan os seus propios buratos nas árbores, mais a maioría dos sítidos utilizan orificios naturais ou vellos niños de petos. Varias especies recobren con lama as cavidades, selando as gretas e reducindo o tamaño da entrada do burato; isto evitaría que os competidores entren na cavidade. A agatuñadeira canadense asegura a entrada do niño cun material composto que elabora a partir de resinas pegañosas de coníferas e barro; o macho aplícaa no exterior e a femia no interior. Esta resina serviría para disuadir os depredadores ou competidores, e os donos do niño evítana internándose directamente polo orificio de entrada. A especie S. carolinensis espalla a esencia de meloidos (coleópteros) arredor da entrada do seu niño, cuxo cheiro desagradable pode disuadir os esquíos, que son os que na natureza compiten con eles polas cavidades naturais.
S. neumayer constrúe un niño con forma de cabazo usando barro, feces e pelos (ou plumas), e decora o exterior e pecha gretas próximas con plumas e ás de insectos. Os niños encóntranse en gretas de rochas, covas e debaixo de saíntes en cantís ou edificios. S. tephronota constrúe unha estrutura similar, pero menos complexa e situada na entrada dunha cavidade. Os niños poden ser pequenos en tamaño pero chegan a pesar ata 32 kg. Esta especie tamén aniña ocasionalmente en marxes escarpadas ou ocos de árbores e pode agrandar o burato se a cavidade é demasiado pequena. Porén, estes métodos de protección non son plenamente efectivos: en Asia viuse un Acridotheres tristis ocupando un niño dunha agatuñadeira india cuxas paredes non estaban completamente terminadas; nun caso similar, o Acridotheres intentara derrubar sen éxito ditas paredes.
miniatura|Un ovo de S. europaea. Os sítidos son monógamos. Os ovos que poñen son de cor branca, con manchas avermelladas ou amarelas. O tamaño da posta varía dunha especie a outra e adoita ser maior nas especies que habitan en latitudes máis setentrionais. Chocan os ovos durante de 12 a 18 días e isto realízao só a femia ou ambos os proxenitores, segundo a especie. Os pitiños son altriciais (espidos e dependentes) e a crianza dura de 21 a 27 días. O macho e a femia coidan da súa alimentación e só nas dúas especies máis pequenas de América do Norte —S. pygmaea e S. pusilla— os machos da niñada anterior poden incluso axudar os pais coa alimentación.
Demografía e predadores miniatura|O peto real (Dendrocopos major), que proporciona ocos para a nidificación aos sítidos, tamén pode ser un importante depredador de niños dalgunhas especies, como a agatuñadeira azul ou a agatuñadeira corsa.
Para algunhas especies das que se dispón de datos, a media da duración da vida dun sítido varía de dous a tres anos e medio, aínda que se informou de espécimes de máis de dez anos. A taxa de supervivencia anual (o cociente entre o número de individuos vivos ao rematar o ano e o número de individuos vivos ao comezo) varía segundo a especie e rexión: mentres que é o 61,6 % para os machos de S. whiteheadi, no caso de S. carolinensis oscila entre o 35 % en Maryland e o 12 % en Arizona; en S. europaea é do 42 a 47 % en Suecia, 51-59 % en Bélxica, 67 % en Siberia, e 53 % a nivel xeral.
Comparten depredadores co resto de aves dos bosques: os falcóns, os bufos, os esquíos e os petos. Un estudo estadounidense relacionou a estratexia reprodutiva da especie co seu comportamento fronte aos depredadores. O obxectivo era analizar a disposición dos machos agatuñadeiras a alimentar as femias no período de incubación, en función da presenza nas proximidades da ave rapaz gabián americano (depredador de individuos, pero non de ovos) ou do paseriforme Troglodytes aedon (depredador de crías pero non de adultos). A especie S. carolinensis, que ten unha esperanza de vida máis curta que S. canadensis pero cun maior número de crías, reaccionaba con maior rapidez perante a presenza de depredadores de ovos, mentres a especie canadense, que vive máis tempo, estaba máis estresada en presenza de aves rapaces. Este resultado confirma a teoría de que as especies con esperanza de vida longa se benefician das taxas de supervivencia dos adultos, mentres que as aves con vida máis curta invisten máis na supervivencia das súas amplas niñadas.