José Grande Juncal, nado en Deiro (Vilanova de Arousa) en 1887 e finado na mesma parroquia en xullo de 1967El Pueblo Gallego, 26-7-1967, p. 11., foi un activista obreiro, traballador do mar, emigrante, escritor e mestre galego, tamén coñecido coma José de Diego.
Traxectoria Con 19 anos emigrou á Arxentina, onde se formou e traballou durante dúas décadas. Foi expulsado do país polas autoridades debido á súa militancia en organizacións obreiras anarquistas.
De regreso na súa terra, ó tempo que traballaba coma mariñeiro mantivo actividades na defensa dos obreiros, tentando organizar un sindicato de traballadores do mar. Participou nun mitin de afirmación sindical en Cangas de Morrazo con Jaime Baello o 19 de xaneiro de 1936El Pueblo Gallego, 21-1-1936, p. 15.. Tamén deu conferencias no Centro Cultural de VilaxoánEl Pueblo Gallego, 2-2-1936, p. 11.. Isto fixo que logo do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 fose denunciado polo párroco de San Miguel de Deiro e perseguido polos falanxistas da zona. Durante tres anos conseguiu evitar a súa detención e probable asasinato agochándose no monte, en faiados e casas abandonadas, contando co apoio dalgúns familiares, veciños e amigos.
Rematada a Guerra, puido acollerse á amnistía que perdoaba a vida ós inimigos do réxime que non tivesen delitos de sangue. Volveu traballar no mar ata que un accidente sufrido mentres cargaba un moble no teito dun autobús o deixou incapacitado dun brazo. A partir dese accidente exerceu de mestre, ensinando as primeiras letras ós nenos, labor pola que é recordado cunha placa na súa parroquia.
Recuperación da súa obra Durante un traballo para unha materia de bacharelato, Lucía Esperón Janeiro descubriu a figura e os escritos de José Grande; animada polo seu profesor, a estudante recompilou os textos biográficos, poemas e disertacións filosóficas que sobreviviran deste autor, publicándoos no seu libro A memoria dun mestre: José Grande Juncal.
Notas
Véxase tamén Bibliografía Esperón Janeiro, Lucía (2002): A memoria dun mestre: José Grande Juncal. Cambados: Asociación Candea.
Ligazóns externas Recensión de "A memoria dun mestre: José Grande Juncal". "A memoria dun mestre", en La Voz de Galicia.
Categoría:Profesores de Galicia Categoría:Escritores de Galicia en lingua galega Categoría:Escritores de Galicia en lingua castelá Categoría:Galegos da Arxentina Categoría:Sindicalistas de Galicia Categoría:Represaliados polo franquismo Categoría:Nados en Vilanova de Arousa Categoría:Nados en 1887 Categoría:Finados en 1967 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes