A Balsa da Medusa ( ) é unha pintura ó óleo de 1818–1819 do pintor e litógrafo francés Théodore Géricault (1791–1824). Completada cando o artista tiña 27 anos de idade, esta obra está considerada unha icona do romanticismo francés. Cunhas medidas de 491 cm × 716 cm, é unha pintura a escala natural que representa o momento posterior ó naufraxio da fragata francesa La Méduse, que encallou na costa de Mauritania o 2 de xullo de 1816. O 5 de xullo de 1816 unhas 147 persoas lanzáronse á deriva nunha balsa de construción apresurada. Só 15 deles sobreviviron ós 13 días que pasaron antes do seu rescate, obrigados a superar a inanición, deshidratación e á práctica do canibalismo. O evento deu lugar a un escándalo internacional, en parte pola atribución da súa causa á incompetencia do capitán francés do navío.

Géricault decidiu representar este evento para lanzar a súa carreira cunha obra a grande escala sen partir dun encargo, nun tema que xa xerara un grande interese público. O evento fascinábao, e antes de comezar a traballar na pintura final levou a cabo unha investigación exhaustiva e produciu moitos bosquexos preparatorios. Entrevistou dous dos sobreviventes e construíu unha maqueta a escala con gran detalle da balsa. Visitou os hospitais e morgues nos que puido ver de primeira man a cor e textura da carne dos mortos e moribundos. Como el mesmo anticipaba, a pintura resultou ser moi controvertida na súa primeira exhibición no Salón de París, atraendo apaixonadas loanzas e condenas a partes iguais. A obra estableceu a súa reputación internacional, e considérase unha obra transcendental na historia temperá do movemento romántico da pintura francesa.

Malia que A Balsa da Medusa retén elementos das tradicións da pintura histórica, considérase que representa unha ruptura coa calma e orde da escola neoclásica, tanto na escolla do tema tratado como na súa presentación. A obra de Géricault atraeu unha grande atención dende a súa primeira aparición en público e pasou a exhibirse en Londres. O Museo do Louvre adquiriuna pouco despois da morte do artista ós 32 anos de idade. A influencia desta obra é patente nas obras doutros artistas como Eugène Delacroix, J. M. W. Turner, Gustave Courbet e Édouard Manet.

Contexto histórico miniatura|250px|esquerda|La Méduse navegando de bolina. Gravado de Jean-Jérôme Baugean En xuño de 1816 a fragata francesa La Méduse partiu de Rochefort con destino ó porto senegalés de Saint-Louis. Lideraba un convoi doutros tres navíos: o mercante Loire, o bergantín Argus e a corveta Écho. O vizconde Hugues Duroy de Chaumereys fora nomeado capitán da fragata malia apenas ter navegado nos 20 anos anteriores. Tralo naufraxio a indignación pública atribuíu de forma errada a responsabilidade da súa designación como capitán ó rei Lois XVIII, malia que realmente fora unha designación naval rutineira feita de forma interna no Ministerio da Mariña e lonxe das preocupacións do monarca. A misión da fragata era a de aceptar a devolución de parte do Senegal por parte do Reino Unido baixo os termos da aceptación francesa da Paz de París. Entre os pasaxeiros do navío estaban o que fora designado como gobernador francés do Senegal, o coronel Julien-Désiré Schmaltz, xunto coa súa muller e a súa filla.

Nun intento de reducir a duración da viaxe, a Méduse adiantou os outros buques, pero acabou por desviarse unhas 100 millas fóra de rumbo. O 2 de xullo encallou nun banco de area en fronte da costa oeste de África, preto de Mauritania. A incompetencia de De Chaumereys levou a culpa da colisión. De Chaumereys era un emigrante francés retornado que carecía de experiencia e capacidades na capitanía, pero recibira este encargo como resultado dun acto de ascenso político. Os esforzos por liberar o navío foron en van, polo que o 5 de xullo a tripulación e pasaxeiros tentaron sucar as restantes 60 millas ata a costa africana nos seis barcos auxiliares da fragata. Malia que a Méduse transportaba 400 persoas, incluíndo 160 tripulantes, os barcos só tiñan espazo para unhas 250 persoas. O resto dos tripulantes do barco, uns 146 homes e unha muller, amontoáronse nunha balsa de construción apresurada, que se somerxeu en canto cargou con todos eles. Dezasete membros da tripulación optaron por permanecer a bordo da Méduse. O capitán e a tripulación a bordo dos barcos auxiliares tentaron remolcar a balsa, pero tras unhas poucas millas esta quedou solta. A tripulación da balsa só dispuña dunha bolsa de galletas (consumida o primeiro día), dous barrís de auga (que se perderon pola borda por mor dunha pelexa) e seis barrís de viño.

Segundo o crítico Jonathan Miles, a balsa "levou os sobreviventes ás fronteiras da experiencia humana. Delirantes, mortos de sede e de fame, sacrificaron os que se amotinaban, comeron os seus compañeiros mortos e mataron os máis débiles". Tras trece días de viaxe, o 17 de xullo de 1816, a balsa foi rescatada polo Argus de casualidade, xa que os franceses non levaran a cabo ningún esforzo particular de busca pola balsa. Para entón só quedaban 15 homes vivos, mentres que o resto foran asasinados ou lanzados pola borda polos seus camaradas, morreran de fame ou lanzáranse eles mesmos ó mar pola desesperación. O incidente converteuse nun escándalo público para a monarquía francesa, que levaba pouco tempo no poder trala derrota en 1815 de Napoleón.

Descrición miniatura|Detalle da esquina inferior esquerda do cadro que amosa dúas figuras a piques de morrer A Balsa da Medusa representa o momento no que, tras 13 días de naufraxio na balsa, os restantes 15 sobreviventes divisan un barco achegándose na distancia. Segundo unha revisión coetánea dun crítico británico, a obra encádrase nun momento no que "pode dicirse que a ruína da balsa era completa". A pintura está feita nunha escala monumental de 491 × 716 cm, polo que a maioría das figuras representadas están a tamaño natural, e as que aparecen na fronte están case ó dobre do tamaño natural, preto do plano principal do cadro e empuxadas contra o espectador, tirando del cara á acción física como un participante máis.

A balsa improvisada amósase flotando con dificultades mentres navega sobre as ondas, mentres que os homes se representan como rotos e nun estado de completa desesperación. Un home vello terma do cadáver do seu fillo ós seus pés, mentres que outro se arrinca o cabelo pola frustración e a derrota. Varios corpos enchen o primeiro plano, agardando que as ondas circundantes os leven con eles. Os homes no medio acaban de divisar un barco de rescate: un deles coméntallo a outro, e un membro da tripulación africano, Jean Charles, ponse de pé nun barril baleiro e axita freneticamente un pano para chamar a atención do navío.

miniatura|left|Diagrama das dúas estruturas piramidais que forman a base da obra. A posición do Argus indícase co punto amarelo. A composición pictórica do cadro está construída sobre dúas estruturas piramidais. O perímetro do mastro máis longo da esquerda do cadro forma a primeira pirámide. O grupo horizontal de figuras morrendo no primeiro plano forma a base da que emerxen os sobreviventes, xurdindo cara a arriba onde a figura central fai sinais ó barco de rescate de forma desesperada. O centro do cadro atrae a atención do espectador nunha primeira impresión, para despois seguir o fluxo direccional dos corpos dos sobreviventes, vistos dende as costas e apertados cara ó lado dereito. Segundo o historiador de arte Justin Wintle, "un ritmo horizontal único lévanos dende os mortos da parte inferior esquerda, ata os vivos na cúspide". Empréganse outras dúas liñas diagonais para elevar a tensión dramática. Unha segue o mastro e os cabos do mesmo e dirixe a visión do espectador cara a unha onda que está achegándose de forma ameazante, mentres que a segunda leva cara a silueta distante do Argus, o buque que eventualmente rescatou os sobreviventes.

A paleta de cores empregada componse de tons pálidos de carne e cores escuras para a roupa dos sobreviventes, o mar e as nubes. O cadro no seu conxunto ten un ton escuro, empregando pigmentos escuros e marróns na súa maioría, unha paleta que Géricault considerou efectiva para suxerir traxedia e dor. A iluminación da obra chegou a describirse como "caravaggesca" O tratamento que fai Géricault do mar é apagado, representado con tons verde escuro no lugar de azul profundo para contrastar cos tons da balsa e das figuras, e a única luz do cadro aparece na zona distante do barco de rescate.

Execución Investigación e preparativos miniatura|Estudo para "A Balsa da Medusa" de Géricault, pluma e tinta marrón, 17.6 cm × 24.5 cm, Musee des Beaux-Arts, Lille, Francia A Géricault cativáronlle os recontos do naufraxio de 1816 que recibiu unha gran cobertura pública, e decatouse de que unha representación do evento podería ser unha oportunidade para establecer a súa reputación como pintor. Tras tomar esta decisión levou a cabo unha investigación exhaustiva antes de comezar a propia pintura. A comezos de 1818 entrevistouse con dous dos sobreviventes: Henri Savigny, un cirurxián, e Alexandre Corréard, un enxeñeiro da École nationale supérieure d'arts et métiers. As emotivas descricións das súas experiencias inspiraron en gran medida o ton da obra final. Segundo o historiador de arte Georges-Antoine Borias, "Géricault estableceu o seu estudio no outro lado da rúa do hospital Beaujon. E alí comezou un triste descenso. Detrás de portas pechadas lanzouse a si mesmo no seu traballo. Nada lle repelía. Temíano e evitábano todos".

Viaxes previas expuxeran a Géricault ás vítimas de loucura e da praga, e mentres investigaba a Méduse o seu esforzo pola precisión e realismo históricos levouno a obsesionarse coa rixidez dos cadáveres. Para conseguir a representación máis auténtica dos tons da carne dos mortos fixo bosquexos de corpos na morgue do hospital Beaujon, estudou as caras de pacientes moribundos no hospital, levou consigo membros amputados ó seu estudio para estudar a súa descomposición, e durante unha quincena debuxou unha cabeza cortada que tomou prestada dun manicomio e que almacenou no teito do seu estudio.

miniatura|esquerda|Canibalismo na Balsa da Medusa, cera, tinta e augada en papel, 28 cm × 38 cm, Louvre

Traballou con Corréard, Savigny e outro dos sobreviventes, o carpinteiro Lavillette, para construír un modelo detallado a escala da balsa, que reproduciu no cadro finalizado, chegando a amosar os espazos existentes entre algunhas das táboas da mesma. Géricault fixo posar a modelos, recompilou un informe de documentación, copiou cadros relevantes doutros artistas e viaxou ata Le Havre para estudar o mar e o ceo. Malia sufrir unha febre, viaxou ata a costa en varias ocasións para ser testemuño de tormentas na costa, e unha visita a varios artistas en Inglaterra deulle a oportunidade de estudar os elementos atmosféricos mentres cruzaba o canal da Mancha.

Debuxou e pintou numerosos bosquexos en preparación do cadro final mentres decidía cal dos momentos do desastre representaría na obra final. Entre as escenas que tivo en conta estaba o motín contra os oficiais que tivo lugar o segundo día na balsa, o canibalismo ós poucos días de estar na mesma e o propio día do rescate. Géricault seleccionou finalmente o momento, recordado por un dos sobreviventes, no que divisaron por primeira vez no horizonte o barco de rescate Argus que se achegaba a eles, e ao que intentaron facer sinais. Porén, o barco nun primeiro momento seguiu o seu camiño. En palabras dun dos sobreviventes, "do delirio do xúbilo, caemos nun profundo desánimo e dor".