A doenza de Lyme, tamén coñecida como borreliose de Lyme, é unha enfermidade infecciosa que afecta a varios órganos do ser humano, causada pola espiroqueta Borrelia burgdorferi, que é transmitida polas carrachas. É a principal doenza transmitida por carrachas en Europa. É transmitida pola especie Ixodes ricinus, cuxo reservorio animal constitúeno roedores salvaxes (agás ratos e ratas comúns) e cervos. miniatura|277x277px|Ciclo de infección de Borrelia burgdorferi.

Historia Atopáronse indicios de que Ötzi —o 'home dos xeos' que se conserva como momia de 5300 anos de antigüidade— padeceu a doenza de Lyme. Esta enfermidade foi descrita por primeira vez en 1909 en Europa como "eritema crónico migratorio"; entre 1920-1940 foi chamada "neuroborreliose". En 1975 foi descrita por primeira vez nos Estados Unidos en Lyme (Connecticut), de onde deriva o seu nome actual. En 1981 foi illado o axente causal (Borrelia burgdorferi).

Etioloxía e epidemioloxía A doenza de Lyme é producida por Borrelia burgdorferi, un espiroqueta gramnegativa de metabolismo anaerobio. Case o 100% dos casos preséntanse durante a estación cálida xa que a infección adoita producirse en persoas que realizan actividades como cazarías, acampadas, excursións ou paseos campestres. Nun principio, desenvólvese a etapa inicial da enfermidade, que se non recibe o tratamento médico indicado, pode derivar na súa etapa secundaria e mesmo agravarse para desencadear unha etapa terciaria.

Patoxénese A doenza de Lyme pertence a un grupo de patoloxías nas que o dano vascular e o neurotropismo son unha constante (en infeccións por Rickettsia, Borrelia, Coxiella), e as lesións granulomatosas e o tropismo por células endoteliales o son en infeccións por Bartonella e Francisella. Son axentes cunha grande agresividade que é importante identificar, previr e tratar. Todos os anos falecen en España pacientes afectados por unha enfermidade deste grupo, a febre botonosa mediterránea. O non recoñecemento precoz da infección por Borrelia burgdorferi (doenza de Lyme) dá lugar a manifestacións neurolóxicas difíciles de tratar e que poden deixar secuelas permanentes.

Os síntomas polos que se identifica esta enfermidade son similares aos dunha gripe común (febre, dor muscular, malestar xeral, cefalea e fatiga), precedidos dun "eritema crónico migrans" (mancha avermellada circular) como primeiro signo da enfermidade.

O diagnóstico realízase mediante unha demostración de anticorpos fronte á Borrelia burgdorferi.

O tratamento adoita ser tetraciclina ou penicilina, ou macrólidos.

É necesario tratar esta enfermidade o máis axiña posible, xa que mesmo o 15% dos pacientes que reciben tratamento inmediato sofren complicacións. En ocasións esta enfermidade é confundida con artrite reumatoide, meninxite ou esclerose múltiple.

Notas

Categoría:Doenzas