O caso da hepatite C en Galicia foi un procedemento xudicial aberto polo xulgado de instrución número 3 de Santiago de Compostela contra o Servizo Galego de Saúde e dous cargos sanitarios do goberno de Alberto Núñez Feijóo, os cales foron imputados por prevaricación e homicidio imprudente pola negativa a receitar o fármaco Sofosbuvir (cuxos nomes comerciais son Sovaldi e Virunon) a doentes con hepatite C en estado avanzado. Os directivos do Servizo Galego de Saúde (SERGAS), terían atrasado ou denegado deliberadamente, e por razóns orzamentarias, a concesión da receita deste novo fármaco para a hepatite C, moito máis eficaz e o indicado nas últimas guías clínicas para o tratamento desta doenza, pero cun custo económico substancialmente maior. Algúns dos doentes afectados por este caso faleceron durante o tempo de espera á concesión da receita. O xefe da Unidade de Transplantes do Hospital de Santiago, Evaristo Varo Pérez, vinculou o atraso das prescricións a, a lo menos, a morte de tres pacientes.

O procedemento xudicial aberto pola fiscalía contra o SERGAS foi o primeiro destas características no Estado Español, e estivo xestionado polo Xulgado de Instrución número 3 de Santiago de Compostela a cargo do maxistrado Andrés Lago Louro, o mesmo xuíz que levou o caso do accidente de Angrois.

Cargos imputados Ademais do SERGAS, imputado como persoa xurídica, foron imputados dous altos cargos do departamento de saúde da Xunta de Galicia: Félix Rubial, Director Xeral de Asistencia Sanitaria do SERGAS e responsábel da xestión da Área Sanitaria de Vigo; e Carolina González-Criado Mateo, Subdirectora Xeral de Farmacia.

Entre os cargos que se lle imputa ao SERGAS e aos cargos imputados, está o de homicidio imprudente, en referencia á doentes que faleceron durante o tempo que tardou a comisión encargada de aprobar o fármaco, nalgúns casos con esperas de máis de 6 meses. Segundo a Fiscalía, estes atrasos producíronse de xeito deliberado e inxustificado, dilatando a toma de decisións.

A denuncia da Fiscalía e mais a Asociación Batas Blancas presentouse ao xuíz correspondente:

O 28 de abril de 2016 declararon no Xulgado de Instrución número 3 de Santiago os dous imputados, respondendo ás preguntas do Xuíz, do Fiscal e do avogado da Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite C.

Reaccións políticas Perante a imputación de dous dos altos cargos da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, todos os grupos políticos pertencentes á oposición do Parlamento Galego (PSOE, Alternativa Galega de Esquerda e BNG), pediron a comparecencia parlamentaria do Presidente da Xunta de Galicia, o popular Alberto Núñez Feijóo. O voceiro de AGE, ademais, solicitou a dimisión do Presidente Galego.

Por outra banda, o 24 de abril de 2016 o Conselleiro de Sanidade Jesús Vázquez Almuíña considerou, nunha entrevista no xornal La Voz de Galicia, que a denuncia contra os cargos do SERGAS era esaxerada, e que posibelmente os doentes falecidos tivérano feito de todos os xeitos aínda ao recibiren Sovaldi.

Un día despois, o 25 de abril dese mesmo ano, na sesión de control ao Goberno Galego, Núñez Feijóo defendeu a xestión levada a cabo polo SERGAS dos casos da hepatite C, e acusou á oposición de atacar á sanidade galega e de querer tirar rédito político do caso.

A tenor da comparecencia de Núñez Feijóo no Parlamento Galego, producíronse diversas reaccións entre os colectivos afectados. O voceiro da Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite C, Henrique Costas, cualificou ao Presidente de "canalla político", mentres que a Defensora do Paciente, Carmen Flores, lamentou nunha misiva ao Conselleiro de Sanidade que desde o Goberno galego se lle faltase ao respecto aos doentes afectos pola hepatite C.

Antecedentes En 2014, aprobouse no estado español por parte da Axencia Estatal de Medicamentos e Produtos Sanitarios (AEMPS) o emprego de novos fármacos contra a hepatite C. Segundo o seu Informe de Posicionamento Terapéutico de Sofosbuvir , o seu uso pasou a estar indicado en circunstancias médicas específicas, como a cirrose avanzada.Informe de Posicionamento Terapéutico de Sofosbuvir (Sovaldi®) . Consultado o 27 de abril de 2016 A partir de 2015 as novas guías clínicas comezaron a indicar o uso de Sofosbuvir, un antiviral de acción directa, nos casos avanzados da enfermidade.

En marzo dese mesmo ano o Ministerio de Sanidade aprobou o Plan Nacional contra a Hepatite C para tentar establecer un plan de tratamento para os 95 524 doentes diagnosticados no estado. Meses máis tarde, en xuño de 2015, aprobouse un Documento de Consenso do Grupo Español para o Estudo da Hepatite (GEHEP) sobre o tratamento da hepatite C no que se incluía o Sofosbuvir e outros fármacos semellantes nas recomendacións de tratamento da hepatite C.

Antes da denuncia da Fiscalía contra o Servizo Galego de Saúde en 2016, a Asociación Batas Blancas presentara en marzo de 2015 unha denuncia perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia contra o SERGAS, ante un clima de protestas de afectados e profesionais do sistema sanitario galego, con motivo dos atrasos e denegacións dos novos medicamentos coma Sovaldi para o tratamento dos enfermos máis graves afectados pola hepatite C. A base da denuncia era a extrema burocracia á que viña sometida a tramitación da aprobación do medicamento. Ademais da aprobación do médico facultativo correspondente, outros organismos teñen que aprobar o uso do fármaco. Entre eles, a Comisión Autonómica e Central de Farmacia e Terapéutica, formada por tres farmacéuticos e sete doutores, que pode aprobar ou denegar o seu uso após da súa valoración. A denuncia imposta por este colectivo critica o atraso deliberado da tramitación, con perdas de expedientes e denegacións a persoas que cumprían os requisitos.

Notas

Véxase tamén Outros artigos SovaldiTM Plataforma de Afectados por Hepatite C (PLAFHC)

Ligazóns externas Informe da Comissión Farmacoterapéutica do Hospital Vall d'Hebron sobre o Sofosbuvir. Páxina da Plataforma de Afectados por Hepatite C

Categoría:Casos xudiciais Categoría:Saúde pública Categoría:Xunta de Galicia Categoría:Escándalos en Galicia Categoría:2016 en Galicia Categoría:Hepatite