Lev II Kyshka (en ; en ; en ), nado c. 1663 en Kovel (Voivodato de Volinia, Coroa do Reino de Polonia) e finado o 19 de novembro de 1728 en Kupychiv, foi un eclesiástico grecocatólico ruteno, metropolita de Kíiv e Galicia e toda a Rus dende 1714 até a súa morte.

Traxectoria Aos 24 anos, o 6 de decembro de 1687 foi ordenado sacerdote da Orde Basiliana de San Xosafat, e posteriormente marchou a estudar a Roma no Colexio Urbaniano, onde estivo até 1691 que volveu ao seu país, onde exerceu o seu ministerio en varios mosteiros.

Foi superior do mosteiro de Polack, e en 1698 foi elixido secretario xeral da súa orde, xunto ao superior, o protoarquimandrita Yoakym Kyshelych. En 1703, no capítulo da orde reunido en Navahrudak entre o 28 de agosto e o 8 de setembro foi elixido protoarquimandrita e Superior Xeral da Orde por catro anos. Foi un período difícil para a orde e para a igrexa oriental, por mor das persecucións no Tsarato ruso por parte do tsar Pedro I nas que morreron moitos basilianos. En 1709 foi elixido novamente por outros catro anos.

En 1711 foi nomeado bispo de Volodymyr-Brest, mais permanecendo como superior da orde até rematar os catro anos. Recibiu a consagración episcopal o 15 de marzo de mans do metropolita de Kíiv Yurii Vynnytskyi.

Logo do pasamento de Vynnytskyi, o 24 de outubro de 1713 foi nomeado administrador da arquieparquía de Kíiv e da eparquía de Przemyśl, Sambor e Sanok.

En 1714 foi elixido metropolita, e o 17 de setembro de 1714 foi confirmado polo papa e polo rei como metropolita de Kíiv, Galicia e toda a Rus. Ao ano seguinte, o 17 de decembro de 1715, deixou de ser administrador de Przemyśl ao consagrar a Yeronim Ustrytskyi como bispo diocesano.

Convocou un Sínodo en 1720 que completou a codificación da disciplina da Igrexa grecocatólica, acordou os libros litúrxicos e a catequese. Os resultados do Sínodo foron confirmados en 1724 para toda a provincia eclesiástica de Kíiv. Enfermou en 1727 e comezou a buscar un bispo coadxutor. Inicialmente pensou no arcebispo de Polack, Floriian Hrebnytskyi, mais finalmente o elixido foi Atanasii Sheptytskyi.

Finou no cargo, o 19 de novembro de 1728 en Kupychiv (Voivodato de Volinia).

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Categoría:Nados en 1663 Categoría:Nados na rexión de Volinia Categoría:Finados en 1728 Categoría:Bispos católicos de Ucraína Categoría:Primados da Igrexa católica bizantina ucraína Categoría:Basilianos de San Xosafat Categoría:Bispos católicos de Belarús Categoría:Bispos católicos de Polonia Categoría:Alumnos da Pontificia Universidade Urbaniana