A Casa Calvet é un edificio deseñado por Antoni Gaudí, un dos arquitectos máis salientables do modernismo catalán. Atópase no número 48 da rúa de Casp, no Eixample de Barcelona, e data do ano 1899. Está catalogada como Ben Cultural de Interese Nacional.
O edificio foi construído para Andreu Calvet, un fabricante téxtil, e serviu tanto para o negocio, ó cal destinou a planta baixa e o soto, como para vivendas, nos andares superiores.
A Casa Calvet está considerada a obra máis conservadora do arquitecto. Segundo os expertos, a explicación atópase no feito de que Gaudí tiña que encaixar o edificio entre outros preexistentes e tiña que ter en conta que estaría situado nun barrio elegante. A simetría, o equilibrio e a orde que caracterizan a Casa Calvet non son habituais na obra gaudiniana. Malia isto, pódense ollar elementos modernistas, como por exemplo os dos frontóns curvilíneos do acabado da fachada, o balcón con tribuna de vidro e forxados que sobresae por riba da entrada ou a forma dos outros balcóns. As columnas que flanquean a entrada lembran carretes de fío, e constitúen unha alusión ó negocio téxtil da familia Calvet.
Cómpre destacar tamén os bustos dos tres santos patróns de Vilassar de Dalt, de onde eran os Calvet: Pedro de Verona (na honra do pai do dono), Xenxo de Arles, o notario, e Xenxo de Roma o actor. Foi o primeiro edificio galardoado polo Concello no Concurso anual de edificios artísticos (1899).
Os traballos de forxa son obra de Josep Perpinyà.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Ficha de Patrimonio da Generalitat de Cataluña
Categoría:Arquitectura modernista en Barcelona Categoría:Bens de Interese Cultural de Cataluña Calvet