Paul Watzlawick, nado o 25 de xullo de 1921 en Villach, Austria, e finado o 31 de marzo de 2007 en Palo Alto, California, foi un teórico e psicólogo austríaco nacionalizado estadounidense. Foi un dos principais autores da Teoría da comunicación humana e do Construtivismo radical, e unha importante referencia no campo da terapia familiar, terapia sistémica e, en xeral, da psicoterapia. Desde 1960, residiu e traballou toda a súa vida na cidade e Universidade de Palo Alto, en California.

Traxectoria Tras completar os seus estudos primarios en Villach, Paul Watzlawick estudou Psicoloxía e Filoloxía na Universidade de Venecia e graduouse en 1949. Traballou no Instituto C. G. Jung en Zúrich, onde recibiu outro diploma en 1954. Amosando un grande interese pola filosofía oriental e budista (en particular, a filosofía zen), Paul decidiu partir cara a India e quedar alí durante un ano o que levou a que esas ideas filosóficas impregnaran parte da súa obra -por exemplo, usou os conceptos filosóficos kōan ou budistas para explicar mellor algunhas pasaxes das súas teorías. Sen afectar o rigor científico e expositivo, as ideas filosóficas e as concepcións desas culturas impregnaron sutilmente as obras máis maduras de Watzlawick, quen fixo uso ocasional dos conceptos filosóficos.

En 1960, foi convidado por D. Jackson a continuar as súas investigacións no Mental Research Institute de Palo Alto, no estado norteamericano de California. En 1967, comezou a impartir clases de Psiquiatría na Universidade de Stanford. Alí, Watzlawick estudou en compañía dos seus colegas a teoría do Dobre Vínculo (Double Bind), aínda que a súa maior achega, en relación tamén co traballo de Gregory Bateson, é no campo da Pragmática da comunicación humana.

Tras levar longo tempo sufrindo unha grave enfermidade, Watzlawick faleceu o sábado 31 de marzo de 2007 en Palo Alto, aos 85 anos de idade.

Axiomas de Watzlawick Segundo Watzlawick, existen cinco axiomas na súa teoría da comunicación humana. Considéranse axiomas porque o seu cumprimento é indefectible; noutros termos, reflicten condicións de feito na comunicación humana, que nunca se achan ausentes. Noutras palabras: o cumprimento destes axiomas non pode, por lóxica, non verificarse. É imposible non comunicarse: Todo comportamento é unha forma de comunicación. Como non existe forma contraria ao comportamento («non comportamento» ou «anticomportamiento»), tampouco existe «non comunicación». Toda comunicación ten un nivel de contido e un nivel de relación, de tal maneira que o último clasifica ao primeiro, e é, por tanto, unha metacomunicación: Isto significa que toda comunicación ten, ademais do significado das palabras, máis información sobre como o que fala quere ser entendido e que lle entendan, así como, como a persoa receptora vai entender a mensaxe; e como o primeiro ve a súa relación co receptor da información. Por exemplo, o comunicador di: «Cóidache moito». O nivel de contido neste caso podería ser evitar que pase algo malo e o nivel de relación sería de amizade-paternalista. A natureza dunha relación depende da gradación que os participantes fagan das secuencias comunicacionais entre eles: tanto o emisor como o receptor da comunicación estruturan o fluxo da comunicación de diferente forma e, así, interpretan o seu propio comportamento como mera reacción ante o do outro. Cada un cre que a conduta do outro é «a» causa da súa propia conduta, cando o certo é que a comunicación humana non pode reducirse a un sinxelo xogo de causa-efecto, senón que é un proceso cíclico, no que cada parte contribúe á continuidade (ou ampliación, ou modulación) do intercambio. Un exemplo é o conflito entre Israel e Palestina, onde cada parte actúa aseverando que non fai máis que defenderse ante os ataques da outra. A comunicación humana implica dúas modalidades: a dixital e a analóxica: a comunicación non implica simplemente as palabras faladas (comunicación dixital: o que se di); tamén é importante a comunicación non verbal (ou comunicación analóxica: como se di). Os intercambios comunicacionais poden ser tanto simétricos como complementarios: dependendo de si a relación das persoas comunicantes está baseada en intercambios igualitarios, é dicir, tenden a igualar a súa conduta recíproca (p. ex.: o grupo A critica fortemente ao grupo B, o grupo B critica fortemente ao grupo A); ou si está baseada en intercambios aditivos, é dicir, onde un e outro se complementan, producindo un axuste recíproco da relación (p. ex.: A compórtase de maneira dominante, B atense a este comportamento). Unha relación complementaria é a que presenta un tipo de autoridade (pai-fillo, profesor-alumno) e a simétrica é a que se presenta en seres de iguais condicións (irmáns, amigos, amantes etc.)

Comunicación fracasada entre individuos Os fracasos na comunicación entre individuos preséntanse, cando: Estes comunícanse nun código distinto O código no que transmite a mensaxe foi alterado dentro da canle. Existe unha falsa interpretación da situación. Confúndese o nivel de relación polo nivel de contido. Existe unha mala puntuación. A comunicación dixital non concorda coa comunicación analóxica.

Comunicación exitosa entre individuos A comunicación entre individuos é boa cando: O código da mensaxe é correcto. Evítanse alteracións no código dentro da canle. Tómase en conta a situación do receptor. Analízase o cadro no que se atopa a comunicación. A puntuación está ben definida. A comunicación dixital concorda coa comunicación analóxica. O comunicador ten o seu receptor.

Obras do autor Watzlawick é autor de 18 libros (traducidos a 85 idiomas) e colaborou en máis de 150. Algúns deles son:

An Anthology of Human Communication, 1964 Pragmatics of Human Communication (con Beavin e Jackson), 1967, OCLC 168614 Change: Principles of Problem Formation and Problem Resolution (con John Weakland e Richard Fisch), 1974, OCLC 730810, W W Norton page How Real Is Real?, 1976, OCLC 1818442 The Language of Change, 1977, OCLC 3609867, W W Norton page Gebrauchsanweisung für Amerika, 1978 The Situation Is Hopeless, But Not Serious: The Pursuit of Unhappiness, 1983, OCLC 946497, W W Norton page The Invented Reality: How Do We Know What We Believe We Know? (Contributions to Constructivism), 1984, OCLC 9412760 Ultra-Solutions, or, How to Fail Most Successfully, 1988, OCLC 16682320 The Interactional View: studies at the Mental Research Institute, Palo Alto, 1965–1974, 1977 Munchausen's Pigtail and other Essays, 1990

Recoñecementos Foi Doutor honoris causa polas universidades de Liexa, Bordeos e Bos Aires.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Contrutivismo Psicoterapia

Categoría:Comunicación Categoría:Finados en 2007 Categoría:Nados en 1921 Categoría:Profesores da Universidade Stanford Categoría:Nados no estado de Carintia Categoría:Doutores honoris causa pola Universidade de Bordeos Categoría:Doutores honoris causa pola Universidade de Buenos Aires Categoría:Doutores honoris causa pola Universidade de Liexa Categoría:Alumnos da Universidade de Venecia