Peole, tamén denominado Péole e PEOLE (acrónimo de Preliminaire EOLE) foi un satélite artificial francés lanzado o 12 de decembro de 1970 mediante un foguete Diamant B desde o Centro Espacial de Kourou, na Güiana Francesa.
Características Peole foi o primeiro satélite de comunicacións experimental francés e o primeiro lanzado polo CNES desde o Centro Espacial de Kourou. Foi inxectado nunha órbita inicial case ecuatorial de 230 km de apoxeo e 222 km de perixeo, cun período orbital de 89 minutos e 15,0 graos de inclinación orbital.
A misión de Peole foi principalmente servir de proba como precursor para o satélite EOLE, establecendo a factibilidade de recoller datos e telemetría de globos meteorolóxicos movéndose libremente pola atmosfera arredor do mundo.
Entre outros sistemas, Peole probou un sistema de estabilización mediante gradente gravitatorio e os sistemas de adquisición de datos dos globos meteorolóxicos. Adicionalmente os paneis solares do satélite foron usados para probar os efectos da radiación espacial en células solares de sulfuro de cadmio e teluro de cadmio.
Peole tiña forma de octaedro regular con 70 cm de distancia entre esquinas opostas e 55 cm de alto, con oito paneis solares que sumaban un total de 5920 células solares e que emerxían do corpo do satélite nun ángulo de 45 graos tras despregarse posteriormente á inserción orbital. O receptor de comandos de a bordo funcionaba a unha frecuencia de 136,350 MHz cunha potencia de 1 vatio. As probas de recepción de datos meteorolóxicos fixéronse a través dunha antena do satélite que apuntaba a terra e que funcionaba a 400,190 MHz e 4 vatios de potencia.
Peole reentrou na atmosfera terrestre o 16 de xuño de 1980 tras completar a súa misión con éxito.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Eole (satélite)
Categoría:Satélites artificiais