O folk metal é un xénero de fusión do heavy metal e a música folk tradicional xurdido en Europa nos anos 1990. A música deste xénero caracterízase pola mestura de diversos estilos de heavy metal coa música folk, sendo habitual o uso de instrumentos folclóricos xunto aos tradicionais do heavy metal, en ocasións incluíndo estilos de canto tradicionais. Algúns grupos tamén empregan teclados para simular o son dos instrumentos tradicionais. As letras das cancións neste xénero adoitan tratar sobre temas como a fantasía, mitoloxía, paganismo, historia e natureza.
Considérase aos grupos Skyclad, Moonspell e Amorphis como os pioneiros deste xénero. A mediados dos anos 1990 outros grupos comezaron a xurdir en diversas zonas de Europa, como por exemplo os irlandeses Cruachan e os alemáns Subway to Sally, cada un deles encabezando as variacións de estilo que serían denominadas celtic metal e medieval metal respectivamente. Malia as contribucións destes primeiros grupos, non foi ata comezos dos anos 2000 que o xénero acadou unha gran popularidade, particularmente en Finlandia con grupos como Finntroll, Ensiferum, Korpiklaani, Turisas e Moonsorrow.
Notas
Categoría:Subxéneros do heavy metal Categoría:Folk