miniatura|Adolfo Rodríguez Saá coa banda presidencial. Adolfo Rodríguez Saá, nado en San Luis, o 25 de xullo de 1947, é un político arxentino, que foi gobernador de San Luis de 1983 a 2001 e presidente da Arxentina entre o 23 e o 30 de decembro de 2001.
Traxectoria Naceu no seo dunha das familias con maior avoengo da provincia de San Luis, descendente do revolucionario federal Juan Saá e de Carlos Juan Rodríguez. Estudou dereito na Universidade Nacional de Buenos Aires, graduándose en 1971.
Gobernador de San Luis Participou na actividade política desde moi novo e foi apoderado legal do Partido Xusticialista desde 1971. En maio de 1973, asumiu a acta de deputado provincial durante o goberno de Elías Adre, con quen rivalizou polo liderado do PX provincial. Converteuse en presidente do Bloque do FREJULI. Logo do golpe de estado de marzo de 1976 cesou nas súas funcións. Á volta da democracia, converteuse en gobernador de San Luis en 1983 co 40,48 % dos votos contra un 37,27 % da UCR.
Nas eleccións de 1987, volveu gañar Adolfo Rodríguez Saá co 52,12 % fronte ao 32,86 % a UCR. En 1991, gañou o P.X. co 50,57 %, e o segundo lugar foi para a UCR, co 38,11 %. O mesmo ocorreu en 1995, cando o P.X. obtivo o triunfo co 71,47 %, e a UCR. en segundo lugar, co 16,82 %. En 1999 Rodríguez Saá logrou un novo triunfo, co 54,9 %, contra o 44,5 % da Alianza.
En 1995 converteuse en vicepresidente do Consello Nacional Xusticialista e impulsou a denominada Fronte Federal Solidaria (FFS) de gobernadores xusticialistas para reafirmaren os intereses das once provincias pequenas diante das tres grandes: Buenos Aires, Córdoba e Santa Fe (ás que despois se sumaron Santa Cruz e A Pampa). Foi presidente do Consello Federal de Investimentos desde o 19 de setembro de 2001 ata o 22 de decembro de 2001.
Presidente da Arxentina Cara á metade do seu quinto mandato como gobernador provincial, durante a crise de decembro de 2001 na Arxentina, a Asemblea lexislativa convocada polo senador Ramón Puerta (en exercicio do Poder Executivo) elixiuno Presidente da Nación para un período de 90 días, tras convocar a eleccións presidenciais mediante o controvertido sistema de lei de lemas. A primeira maxistratura do país quedara vacante tras as renuncias do vicepresidente Carlos "Chacho" Álvarez e do presidente Fernando de la Rúa.
A presidencia de Rodríguez Saa durou só sete días. Durante ese período proclamou a suspensión de pagamentos da débeda externa cos acredores privados, o cal nunca se chegou a concretar. Tamén anunciou a entrada en circulación dunha nova moeda non convertible, chamada Argentino —que nunca se emitiu—. Polas súas xestións logrou reunificar á CXT, polo que contou co apoio dos xefes sindicais, pero non o da UIA (Unión Industrial Arxentina) nin o dun importante sector do Partido Xusticialista, que discordaban coa decisión do mandatario de non desvalorizar a moeda de forma inmediata e non gradualmente como se propuña desde o Poder Executivo. Nomeou o senador Jorge Capitanich como ministro de Infraestrutura e Vivenda e interino de Economía, de Desenvolvemento Social e Medio Ambiente, de Saúde, de Traballo, Emprego e Formación de Recursos Humanos e de Seguridade Social; e como presidente do Banco da Nación Arxentina a David Expósito, un economista e xornalista ao que lle pediu a renuncia logo das súas declaracións sobre o Argentino.
Preparou unha lei de orzamentos para 2002, que incluía unha importante redución do déficit como pedía Anne Krueger do FMI.Reato, Ceferino (2015). Doce noches. Sudamericana. ISBN 978-950-07-5203-9, p. 17 Krueger tamén pedía unha nova lei de coparticipación, para determinar o xeito no que o goberno federal e os provinciais xestionaban o diñeiro procedente das taxas.Reato, Ceferino (2015). Doce noches. Sudamericana. ISBN 978-950-07-5203-9, p. 40 Rodríguez Saá convocou unha xuntanza cos gobernadores provinciais en Chapadmalal, pero só acudiron seis: Carlos Ruckauf, Juan Carlos Romero, Gildo Insfrán, Ángel Mazza, Carlos Rovira e Alicia Lemme. José Manuel de la Sota, gobernador de Córdoba, retiroulle o seu apoio, sospeitando que Rodríguez Saá quería suspender as eleccións e permanecer na presidencia ata 2003. O 30 de decembro renunciou alegando a perda de apoios por parte do Partido Xusticialista.Reato, Ceferino (2015). Doce noches Sudamericana. ISBN 978-950-07-5203-9. pp. 28-29 O congreso aceptou a súa renuncia o 1 de xaneiro de 2002.
Pospresidencia Rodríguez Saá foi deputado nacional entre 2003 e 2005 e desde 2005 é senador. Concorreu varias veces á presidencia da Arxentina a última impulsada pola alianza Compromiso Federal ou peronismo disidente, que impulsou a súa candidatura á presidencia nas eleccións de 2015, como unha forma de replicar o “modelo San Luis” á Nación.
Notas
Categoría:Nados en 1947 Categoría:Presidentes da Arxentina Categoría:Deputados do Congreso da Nación Arxentina Categoría:Senadores do Congreso da Nación Arxentina Categoría:Alumnos da Universidade de Buenos Aires Categoría:Nados na Arxentina