Joseba Asiron Saez, nado en Pamplona o 14 de abril de 1962, é un historiador, profesor de ikastola e político navarro, alcalde de Pamplona pola coalición Euskal Herria Bildu desde decembro de 2023, cargo que xa ocupou entre o 13 de xuño de 2015 ata o 15 de xuño de 2019.

Traxectoria Naceu en Pamplona o 14 de abril de 1962, enriba da famosa Churrería da Mañueta. É licenciado en Historia da Arte pola Universidade de Zaragoza (1989) e doutor nesta materia pola Universidade de Navarra (2009) cunha tese sobre as torres de liñaxe, casas forte e pazos de cabo de armaría na Navarra medieval. É, ademais, profesor da ikastola San Fermín, na localidade de Zizur Menor, desde 1991. Está casado e é pai dunha filla e un fillo.

Presentouse como cabeza de lista de Euskal Herria Bildu á alcaldía de Pamplona nas eleccións municipais de 2015, nas cales a súa formación resultou a segunda forza máis votada tras UPN, que optaba á reelección de alcalde con Enrique Maya. Un pacto de investidura cuadripartito entre Geroa Bai, Aranzadi - Iruñea Denon Artean - Pamplona En Común (marca de Podemos) e Izquierda-Ezkerra (marca de IU) outorgoulle o bastón de mando municipal na constitución do Concello o 13 de xuño de 2015, nunha votación na que Asirón obtivo 14 votos, Enrique Maya logrou 10 apoios, mentres que a socialista Maite Esporrín logrou 3 apoios. Converteuse así no primeiro alcalde da esquerda abertzale na capital de Navarra, tras arrebatar a alcaldía a Unión del Pueblo Navarro (UPN) que gobernaba a cidade desde 1999, con Yolanda Barcina, primeiro, e Enrique Maya, despois.

Tras a súa investidura como novo alcalde, en declaracións aos medios, fixo alusión ao Privilexio da Unión (1423) que unificou os tres burgos de Pamplona no século XV, desexando que o seu mandato permitise "superar os fosos e as murallas que nos separaron". Finalmente, concluíu recordando a frase que, en latín, aparece no lintel interior da porta 11 de acceso ao Concello de Pamplona: "A porta está aberta para todos, pero sobre todo o corazón" ("Patet omnibus jauna, cor valde magis").

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Biografía de Joseba Asiron

Categoría:Alcaldes de Pamplona Categoría:Políticos de EH Bildu Categoría:Políticos de Navarra Categoría:Nados en Pamplona Categoría:Nados en 1962 Categoría:Alumnos da Universidade de Zaragoza Categoría:Alumnos da Universidade de Navarra Categoría:Escritores en lingua castelá Categoría:Escritores en lingua éuscara