Colpidium colpoda é unha especie de protozoo ciliado de vida libre que se encontra comunmente en ambientes de auga doce, como regatos, ríos, lagos e lagoas de todo o mundo. Colpidium colpoda tamén se encontra frecuentemente en plantas de tratamento de augas residuais. Esta especie utilízase como indicador da calidade da auga e do procesado das augas nas plantas de tratamento.

Historia e características físicas O primeiro rexistro de Colpidium colpoda fíxoo Losana en 1829. Describiuno mellor Christian Gottfried Ehrenberg na súa publicación en dous volumes Die Infusionsthierchen als vollkommene Organismen (que se pode traducir por “Os Infusorios como Organismos Perfectos”) de 1838. A especie foi descrita en detalle por Ganner e Foissner en 1989. C. colpoda considérase un ciliado de tamaño intermedio, que normalmente ten entre 16 e 30 μm de longo e son células aplanadas dorsoventralmente con varias ringleiras de cilios que discorren por toda a lonxitude da célula. Como moitos outros ciliados, é un heterótrofo comedor de bacterias, que inxire pola súa fenda oral. C. colpoda reprodúcese asexualmente cada 4–6 horas, e as taxas de división varían segundo as condicións ambientais e a identidade da fonte de alimento bacteriano dispoñible.

Filoxenia En xeral, crese que os ciliados forman un grupo monofilético que diverxeu doutros eucariotas bastante cedo na historia evolutiva, despois da evolución dos sistemas xenéticos heterocarióticos, pero antes da evolución da multicelularidade e algúns orgánulos como o retículo endoplasmático e o complexo de Golgi. Colpidium encádrase taxonomicamente na orde dos ciliados Hymenostomatida, que tamén inclúe ao xénero ben estudado Tetrahymena e a Glaucoma. Algúns traballos previos suxeriran que Colpidium parecía estar máis próximo a Glaucoma ca a Tetrahymena, pero análises máis recentes chegan á conclusión oposta.

Xenética Aínda que non se dispón dunha secuenciación do xenoma completo de Colpidium colpoda, publicáronse secuencias parciais do xene do ARNr 18S e do xene da subunidade 1 da citocromo oxidase (cox1) e secuencias completas do xene do ARN da telomerase e o xene de ARNr 5,8S. Dentro da mesma familia taxonómica de C. colpoda está o organismo modelo Tetrahymena thermophila. Hai moita literatura científica sobre o xenoma de T. thermophila como representante dos Alveolados, unha das grandes ramas evolutivas dos eucariotas que comprende a todos os ciliados, dinoflaxelados e apicomplexos. Como moitos outros ciliados, T. thermophila ten un xenoma sorprendentemente complexo situado nun micronúcleo de liña xerminal e un macronúcleo somático, que funcionan e se replican independentemente. En 2006, secuenciouse o xenoma completo do macronúcleo de T. thermophila.

Ecoloxía Como Colpidium colpoda se alimenta de bacterias, esta especie atópase en hábitats de auga doce moi polucionados. Por isto, a presenza de C. colpoda considérase un indicador de mala calidade da auga. C. colpoda e os seus conxéneres tamén se usan comunmente en experimentos de laboratorio. C. colpoda pode usarse para acelerar a degradación do cru durante as verteduras de petróleo durante os procesos de biorremediación, aínda que o mecanismo exacto que funciona non está claro. Especúlase sobre unha secreción de mucus que actúa como emulsificante, a acción mecánica dos cilios que contribúe á emulsificación e redución da competición entre as bacterias que contribúen á degradación de hidrocarburos e aquelas outras que non, entre outras posibilidades.

Notas

Véxase tamén Bibliografía Foissner, W., & Berger, H. (1996). A user‐friendly guide to the ciliates (Protozoa, Ciliophora) commonly used by hydrobiologists as bioindicators in rivers, lakes, and waste waters, with notes on their ecology. Freshwater biology,35(2), 375-482. Ganner, B., & Foissner, W. (1989). Taxonomy and ecology of some ciliates (Protozoa, Ciliophora) of the saprobic system. III. Revision of the genera Colpidium and Dexiostoma, and establishment of a new genus, Paracolpidium nov. gen. Hydrobiologia, 182(3), 181-218. Foissner, W. (2006). Biogeography and dispersal of micro-organisms: a review emphasizing protists. Acta Protozoologica, 45(2), 111-136.

Categoría:Cilióforos