Os factores de crecemento ou GF (do inglés growth factors) chamados tamén "factores tróficos" son un conxunto de substancias, a maioría de natureza proteica que, xunto coas hormonas e os neurotransmisores, desempeñan unha importante función na comunicación intercelular. A función principal dos factores de crecemento é o control externo do ciclo celular, mediante o abandono da quiescencia celular (fase G0 do ciclo) e a entrada da célula en fase G1. O aumento do tamaño celular é tamén estimulado ao incrementarse a síntese proteica, xunto coa proliferación celular.
Características A función dos factores de crecemento non só é estimular a proliferación celular por medio da regulación do ciclo celular iniciando a mitose, senón tamén manter a supervivencia celular, estimular a migración celular, a diferenciación celular e mesmo a apoptose.
Os factores de crecemento desempeñan a súa función a moi baixa concentración nos líquidos corporais, da orde de picogramos. Actúan uníndose a receptores celulares situados na membrana celular que transmiten o sinal do exterior ao interior da célula, mediante o acoplamento de diferentes proteína quinases que se fosforilan e que activan unha fervenza de sinais que acaba coa activación dun ou varios xenes (transdución de sinais).
A función dos factores de crecemento está regulada por diferentes mecanismos que controlan a activación xenética como: A transcrición e a tradución do xene do factor de crecemento. A modulación de emisións de sinais polo receptor. O control da resposta celular por moléculas con acción oposta á resposta inicial. O control extracelular pola dispoñibilidade do factor de crecemento que é atrapado na matriz extracelular.
En estudos con cultivos celulares descubriuse que os factores de crecemento son transportados polo soro. Son producidos por gran número de células e os requirimentos son moi variables entre diferentes células. Para que as células proliferen nun cultivo cómpre a existencia de soro que achegue os factores de crecemento e as moléculas de adhesión celular como a fibronectina e a vitronectina, e nutritivas como lipoproteínas e a transferrina, xunto con nutrientes: aminoácidos, ións, moléculas enerxéticas.
Exemplos de factores de crecemento Os principais son:Growth Factors and Cytokines - Medical Biochemistry Factor de crecemento derivado de plaquetas: PDGF (platelet-derived growth factor). Factor de crecemento transformante beta: TGF-beta, BMPs (Proteínas Morfoxenéticas Óseas, Bone Morphogenetic Proteins) Factores de crecemento dos fibroblastos: FGF e KGF. Factor de crecemento epidérmico: EGF e os relacionados TGF-alfa. Factor de crecemento de hepatocitos: HGF. Factor de crecemento endotelial vascular: VEGF (vascular endotelial growth factor). Factor de crecemento insulínico tipo 1: IGF-1 (insulin-like growth factor-1). Factor de crecemento nervioso: NGF Factor estimulante das colonias de granulocitos: G-CSF (granulocyte-colony stimulating factor). Factor estimulante das colonias de granulocitos-macrófagos: GM-CSF (granulocyte-macrophage colony stimulating factor). Eritropoetina: EPO. Neurregulinas. Trombopoetina: TPO.
Usos Nas dúas últimas décadas o uso terapéutico dos factores de crecemento foise incrementando, e actualmente úsanse en tratamentos de doenzas hematolóxicas e oncolóxicas como : Granulocitopenia Síndromes mielodisplásicos Leucemias Anemia aplásica Anxioxénese
Factores de crecemento fronte a citocinas Ás veces os termos "factor de crecmento" e "citocina" úsanse case como sinónimos entre os científicos. Historicamente, as citocinas foron asociadas con células hematopoéticas (formadoras de sangue) e células do sistema inmunitario (como linfocitos e células do bazo, timo, e ganglios linfáticos). No sistema circulatorio e na medula ósea, onde as células poden atoparse en suspensión líquida e non unidas a un tecido sólido, tiña senso que as células se comunicasen por medio de moléculas proteicas solubles circulantes. Porén, a medida que diversas liñas de investigación converxeron, empezou a parecer claro que algunhas das mesmas proteínas de sinalización das células dos tecidos hematopoéticos e inmunitarios tamén se utilizaban por todo tipo de células doutros tecidos, durante o desenvolvemento e tamén no organismo adulto.
Mentres que o termo factor de crecemento implica un efecto positivo na división celular, o termo citocina é un termo neutro en canto a se a célula afecta ou non á proliferación. Algunhas citocinas poden ser factores de crecemento, como G-CSF e GM-CSF, pero outras mesmo teñen un efecto inhibitorio sobre o crecemento e proliferación celular. Algunhas citocinas, como o ligando de Fas, utilízanse como sinais de "morte", xa que causan que as células diana sufran unha morte celular programada ou apoptose.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas
http://www.uniprot.org/uniprot/P21583 http://www.ncbi.nlm.nih.gov/pmc/articles/PMC1794241/pdf/1747-1028-2-4.pdf http://jcs.biologists.org/cgi/reprint/119/7/1213
Categoría:Factores de crecemento