Kazimierz Świątek (en , "Kazimir Sviontak"), nado o 21 de outubro de 1914 en Valga (Imperio Ruso, hoxe Estonia) e finado o 21 de xullo de 2011 en Pinsk (Belarús), foi un eclesiástico e cardeal católico latino de etnia polaca, que exerceu o seu labor pastoral principalmente en Belarús. Foi arcebispo metropolitano de Minsk-Mahilioŭ entre 1991 e 2006. Traxectoria Świątek, o maior de dous irmáns, naceu de pais polacos o 21 de outubro de 1914 en Valga, entón parte do Imperio Ruso (hoxe Estonia). Xunto a súa nai e ao seu irmán, foron deportados a Siberia durante a Revolución Rusa de 1917, e o seu pai morreu loitando na guerra polaco-soviética. A partir de 1922, Kazimierz Świątek viviu en Polonia, onde logo de completar os seus estudos de Filosofía e Teoloxía no seminario de Pinsk, foi ordenado sacerdote o 8 de abril de 1939 polo bispo de Pinsk Kazimir Bukraba; posteriormente traballou nunha parroquia de Pružany.

A Unión Soviética ocupou Pinsk logo da división de Polonia pactada entre nazis e soviéticos en 1939. Świątek foi arrestado pola NKVD en abril de 1941, e permaneceu no corredor da morte en Brest por dous meses, nos que foi brutalmente interrogado. Świątek fuxiu da cadea aproveitando a confusión creada pola invasión nazi da Unión Soviética o 22 de xuño de 1941, e volveu a Pružany. En decembro de 1944, a NKVD arrestouno novamente. Ao ano seguinte foi sentenciado a 10 anos de traballos forzados nun campo de concentración. Pasou dous anos en Mariinsk (Kemerovo) e oito en Vorkutlag no norte de Rusia, traballando na taiga e nas minas de carbón; as condicións de traballo eran de frío extremo, e Świątek sufriu secuelas nas pernas e na cara. Durante este tempo, celebraba misa en segredo, empregando unha cunca cerámica como cáliz, e agochando a eucaristía nunha caixa de mistos para distribuíla aos reclusos. Foi liberado en xuño de 1954, e volveu a Pinsk, onde foi párroco da catedral.

En 1988 o papa Xoán Paulo II nomeouno monseñor, e en 1989 foi nomeado vigairo xeral. O mesmo papa nomeouno en 1991 arcebispo metropolitano de Minsk-Mahilioŭ e administrador apostólico de Pinsk. No consistorio do 26 de novembro de 1994 creouno cardeal, co título de Cardeal-Presbítero de San Gerardo Maiella.

Foi tamén elixido primeiro presidente da Conferencia dos Bispos Católicos de Belarús. Como figura máis recoñecida da Igrexa en Belarús, mantivo unha posición coidadosa co réxime de Lukašenka, evitando entrar en temas políticos, mais manténdose firme cos que tiñan implicación relixiosa.

En xullo de 2006, o papa Bieito XVI aceptou a renuncia de Świątek, xa con 91 anos de idade, ao cargo de arcebispo metropolitano de Minsk-Mahilioŭ, mais permaneceu como administrador apostólico de Pinsk até o 30 de xuño de 2011. Nese momento, a Igrexa medrara en Belarús, chegando ás 400 parroquias e aos case 400 sacerdotes nativos. Finou pouco despois, o 21 de xullo do mesmo ano.

Premios e distincións Comandante da Lexión de Honor - concedida o 23 de novembro de 2006 polo presidente Jacques Chirac.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Ligazóns externas Perfil en Catholic-Hierarchy.org Perfil na páxina do Vaticano

Categoría:Nados en 1914 Categoría:Nados en Valga, Estonia Categoría:Finados en 2011 Categoría:Arcebispos da Igrexa católica latina Categoría:Arcebispos católicos de Belarús Categoría:Cardeais creados por Xoán Paulo II Categoría:Cardeais de Belarús