A periodontite ou piorrea é o nome que se dá a un conxunto de enfermidades inflamatorias que afectan ao periodontio, é dicir, ao tecido que rodea e sostén os dentes. A periodontite implica a perda progresiva de óso alveolar arredor do dente, e se non se trata, pode orixinar o afrouxamento e finalmente a perda de pezas dentais. A periodontite está causada por microorganismos que se adhiren e crecen sobre a superficie dos dentes, xunto cunha resposta inmunitaria moi agresiva contra eles. A diagnose da periodontite realízase inspeccionando os tecidos brandos das enxivas que rodean os dentes por medio dunha sonda periodontal (exame clínico) e avaliando as radiografías do paciente (exame radiográfico), para determinar a cantidade de perda de óso arredor dos dentes.

Etimoloxía A palabra periodontite procede do grego peri, "arredor de", e odous/odontos, "dente", e a terminación médica ite, que indica inflamación. A palabra piorrea tamén procede do grego pyon, "descarga dunha chaga", e rhoē, "fluír". Piorrea pode usarse en xeral para calquera descarga de pus, e non só nesta enfermidade dental. O termo piorrea caeu en desuso en favor de periodontite.Diccionario Terminológico de Ciencias Médicas. 13ª edición. Masson. Páxina 968. ISBN 84-458-0095-7.

Clasificación A periodontite é un tipo de enfermidade periodontal, das cales hai varias clasificacións. O sistema de clasificación de 1999 para as enfermidades e condicións periodontais considera sete categorías de enfermidades periodontais, das cales da 2 á 6 considéranse destrutivas porque o dano é esencialmente irreversible. Estas sete categorías son: Xenxivite Periodontite crónica Periodontite agresiva Periodontite como manifestación dunha enfermidade sistémica Xenxivite/periodontite ulcerativa necrotizante Abscesos do periodontio Lesións periodónticas-endodónticas combinadas.

Ademais, engádese aos termos anteriores terminoloxía sobre a extensión e gravidade da enfermidade periodontal para indicar a diagnose específica dun determinado paciente ou grupo de pacientes.

Extensión

A "extensión" da doenza refírese á proporción da dentición afectada pola enfermidade en termos de porcentaxe dos sitios afectados. Os sitios defínense como as posicións nas cales se fixeron medicións con sondas arredor de cada dente e, xeralmente, mídense seis sitios de sondaxe arredor de cada dente, e son os seguintes: mesiobucal mediobucal distobucal mesiolingual mediolingual distolingual.

Se están afectados o 30% dos sitios da boca, a manifestación clasifícase como "localizada"; cando son máis do 30%, denomínase "xeneralizada".

Gravidade

A "gravidade" da doenza refírese á cantidade de fibras do ligamento periodontal que se perderon, o que se denomina "perda de inserción clínica". Un modo de clasificala é a seguinte: Leve: 1–2 mm de adhesión/suxeición perdidos Moderada: 3–4 mm de adhesión perdidos Grave: ≥ 5 mm de adhesión perdidos.

Signos e síntomas miniatura|dereita|1: A perda total de adhesión/suxeición (perda de inserción clínica) é a suma de 2: recesión xenxival, e 3: profundidade da sondaxe. Nas etapas iniciais, a periodontite ten moi poucos síntomas; e en moitos individuos a enfermidade avanzou bastante antes de que empezasen a buscar un tratamento.

Entre os síntomas están: Enxivas avermelladas ou sangrantes durante o cepillado dos dentes, o uso de fío dental ou ao morder en comidas duras (por exemplo, mazás). Pero isto pode ocorrer tamén na xenxivite, na cal non hai perda de adhesión dental. Inchamento das enxivas recorrente. Cuspir sangue despois de cepillarse os dentes. Halitose, ou mal alento, e un sabor metálico persistente na boca. Recesión xenxival, o que dá lugar a un aparente alongamento dos dentes. Isto pode tamén ser causado por un cepillado demasiado enérxico ou con cepillos de sedas moi ríxidas. Bolsas profundas entre os dentes e as enxivas (estas bolsas son sitios nos que a adhesión foi gradualmente destruída por encimas que destrúen o coláxeno, chamadas colaxenases. Perda de pezas dentais, nas fases avanzadas (os dentes poden perderse por outras razóns tamén).

A inflamación xenxival e a perda de óso son en grande medida indoloros. Por tanto, ás veces a xente pode pensar que un sangrado indoloro cando lava os dentes non é significativo, cando podería ser un síntoma da progresión da periodontite.

Efectos fóra da boca A periodontite foi asociada cun incremento da inflamación no corpo, como indican os altos niveis de proteína C reactiva e interleucina 6. Esta asociado por intermediación disto dun incremento do risco de accidente cerebrovascular, infarto de miocardio, e aterosclerose. Tamén está asociado en persoas de máis de 60 anos con trastornos na memoria e habilidades de cálculo. As persoas con niveis de glicosa en xaxún alterados e diabetes mellitus teñen maiores graos de inflamación periodontal, e a miúdo teñen dificultades para equilibrar o seu nivel de glicosa sanguíneo debido ao constante estado de inflamación sistémica causado pola inflamación periodontal. Aínda que polo momento non hai unha conexión causal probada, un estudo recente indicou unha asociación epidemiolóxica entre a periodontite crónica e a disfunción eréctil. Algúns estudos asociaron a enfermidade periodontal e a perda de dentes cun incremento do risco en pacientes masculinos de ter cancro.

Causas A periodontite é unha inflamación do periodontio, é dicir, os tecidos que sosteñen os dentes. O periodontio está formado por catro tecidos: enxiva, cemento, ou capa máis externa da raíz dos dentes, óso alveolar, que forma os ocos no óso onde os dentes están inseridos, e ligamentos periodontais, que son as fibras de tecido conectivo que corren entre o cemento e o óso alveolar.

miniatura|dereita|Esta radiografía mostra dos dentes mandibulares illados, que son o primeiro premolar esquerdo inferior e o canino esquerdo inferior, nos que se observa unha severa perda de óso do 30–50%. O alargamento do ligamento periodontal que rodea o premolar débese a un trauma oclusivo secundario.

A etioloxía (causa) principal da xenxivite é unha hixiene oral mala ou ineficiente, o que leva a unha acumulación dunha matriz micótica e bacteriana na liña da enxiva, chamada placa dental. Outras posibles causas son unha mala nutrición e problemas médicos subxacentes como a diabetes. Os diabéticos deben ser meticulosos co coidado diario dos seus dentes para controlar unha posible enfermidade periodontal.

Nalgunhas persoas a xenxivite progresa ata orixinar periodontite, con destrución das fibras xenxivais, separación dos tecidos xenxivais dos dentes e un suco afondado, chamado bolsa periodontal. Os microorganismos subxenxivais (que viven por debaixo da liña das enxivas) colonizan as bolsas periodontais e causan máis inflamación nos tecidos da enxiva e a perda progresiva de óso. Exemplos de etioloxía secundaria son todas as que causan unha acumulación de placa, como partes sobresaíntes de restauracións dentais (empastes) e proximidade das raíces. 275px|miniatura|esquerda|O exceso de material restaurador en empastes, que excede os contornos naturais do dente, como os que se ven na foto serven como trampas para a acumulación de placa microbiana, o que potencialmente ocasiona unha periodontite localizada.

Fumar é outro factor que incrementa a aparición de periodontite, de forma directa ou indirecta, e pode interferir ou afectar adversamente ao seu tratamento.

A síndrome de Ehlers–Danlos é un factor de risco de periodontite e tamén a síndrome de Papillon-Lefèvre, tamén chamada queratoderma palmoplantar.

Se se deixa acumular, a placa microbiana calcifícase formando cálculos dentais, que se coñecen como sarrio ou tártaro. Os cálculos situados sobre ou debaixo da liña das enxivas deben ser retirados completamente polo hixienista dental ou dentista para tratar a xenxivite e a periodontite. Aínda que a causa principal tanto da xenxivite coma da periodontite é a placa microbiana que se adhire á superficie dos dentes, hai moitos outros factores modificadores. Un factor de risco moi forte é a susceptibilidade xenética de cada suxeito. Varias condicións e enfermidades, como a síndrome de Down, diabetes, e outras enfermidades que afectan a resistencia dunha persoa á infección, tamén incrementan a susceptibilidade á periodontite.

Outro factor que fai que a periodontite sexa unha enfermidade difícil de estudar é que a resposta do hóspede humano pode tamén afectar á reabsorción do óso alveolar. Aínda que a resposta do hóspede a ataques bacteriano-micóticos está principalmente determinada pola súa xenética, o desenvolvemento da resposta inmunitaria pode xogar tamén algún papel na susceptibilidade.

Segundo algúns investigadores a periodontite pode asociarse con altos niveis de estrés.

Microscopia de biofilmes miniatura|Imaxe do biofilm dun paciente con periodontite crónica con microscopio de contraste de fase a baixo aumento (100x). Os 20 obxectos negros ovais que se observan indican a presenza de amebas e o seu movemento formando canais durante o seu desprazamento. Unha imaxe a 1000 aumentos confirmaría o diagnóstico.