A Universidade Europea de Humanidades (en belaruso: Еўрапейскі гуманітарны ўніверсітэт, "Eǔrapiejski humanitarny ǔniviersitet" (ЕГУ); en lituano: Europos humanitarinis universitetas (EHU)) é unha universidade privada sen ánimo de lucro de artes liberais, fundada en Minsk (Belarús) en 1992. Actualmente ten o seu centro en Vilnius (Lituania), dende a súa expulsión do país polas autoridades belarusas en 2004; porén, a universidade ten intención de volver a Minsk no futuro. Dá servizo a máis de 1.500 estudantes, a maior parte deles belarusos. Arredor de dous terzos dos seus estudantes reciben formación a través de Internet, e o resto de forma presencial.
Historia Entre 1992 e 2004 a UEH era unha institución de educación privada con sede en Belarús. En 2004, por mor da oposición do goberno, a UEH tivo que abandonar as súas actividades en Belarús. Porén, grazas a apoio político, económico e administrativo da Unión Europea, do Consello Nórdico de Ministros, do Goberno de Lituania, e doutras institucións, a universidade retomou a súa actividade en Vilnius. En febreiro de 2006 o goberno lituano recoñeceu o seu status como universidade lituana. Dende 2011, a UEH ofrece un doutoramento en Filosofía xunto coa Universidade Vytautas Magnus e o Instituto de Investigación da Cultura Lituana. Ademais, mantén fortes vencellos co Liceu Belaruso de Humanidades, unha escola privada secundaria tamén prohibida polas autoridades belarusas en 2004.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Doutores honoris causa pola Universidade Europea de Humanidades. Ligazóns externas European Humanities University
Categoría:Universidades a distancia Categoría:Universidade Europea de Humanidades