Concepción Castroviejo Blanco-Cicerón, nada en Santiago de Compostela en 1910 e finada en Madrid o 9 de decembro de 1995, foi unha xornalista e escritora galega. Moitas das súas obras foron traducidas ao francés, eslovaco, inglés e holandés.
Traxectoria Filla de Amando Castroviejo Nobajas, catedrático de Economía Política e Facenda Pública na Universidade de Santiago de Compostela, irmá de Xosé María Castroviejo e neta de Ricardo Blanco-Cicerón. Estudou no colexio de freiras de Praceres (Marín) e, cando morreu o seu pai, fixo o bacharelato en dous anos e rematou Filosofía e Letras na USC. Na Universidade integrouse nos círculos republicanos e coñeceu a Francisco Comesaña Rendo, Borobó e Joaquín Seijo Alonso, con quen tiña previsto casar o 25 de xullo de 1936, enlace que non se celebrou polo estoupido da Guerra civil española, iniciada unha semana antes.
Testificou no xuízo sumarísimo de Francisco Comesaña en Compostela o 23 de decembro de 1936, o que a colocou nunha posición difícil. A principios de 1937 aproveitou unha viaxe de Gaspar Massó García e marchou a Bordeos. Despois reuniuse con Joaquín Seijo en Valencia, onde por fin casaron. Pasou a residir en Barcelona até a derrota do bando republicano en Cataluña en febreiro de 1939, cando tivo que fuxir a Francia. Conseguiu chegar a Bordeos e viviu alí até marchar para México, vía Nova York, no vapor Normandía. No exilio mexicano traballou en San Francisco de Campeche, Tijuana e, sobre todo, en Cidade de México.
En decembro de 1949 retornou a Galicia, chegando ao porto da Coruña coa súa filla. Traballou en La Noche de 1951 a 1953, onde fixo moi popular o pseudónimo de Asela. Ao mesmo tempo fixo os cursos para obter o carné de xornalista en Madrid. En setembro de 1953 marchou a Madrid a traballar en Informaciones. Membro da Asociación Internacional de Críticos Literarios, formou parte do xurado dos Premios da Crítica. Escribiu en Ínsula, La Estafeta Literaria, Cuadernos de Occidente, Cuadernos Hispanoamericanos, Blanco y Negro e Grial.
Despois dunha enfermidade vascular e dexenerativa que a afastou da vida pública durante dez anos, morreu na súa casa de Ribera del Manzanares en decembro de 1995.
Obras miniatura|Amando Castroviejo con Xosé María, Concha, Pilar e Ana María. 1926. Los que se fueron (1957). Víspera del odio (1959). El jardín de las siete puertas (1961). Premio Doncel, 1961. O xardín das sete portas (2022). Belagua Ed. 144 páxs. ISBN 9788412443455. 14 contos e unha obra teatral. El zopilote presumido (1964, Doncel). Los piratas de “la terrible” (1964, Doncel). Los días de Lina (1971). En las praderas del Gran Manitú (2020, Tandaia).
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Ligazóns externas
Categoría:Xornalistas de Santiago de Compostela Categoría:Escritores de Galicia en lingua castelá Categoría:Exilio galego Categoría:Galegos de México Categoría:Nados en Santiago de Compostela Categoría:Nados en 1913 Categoría:Finados en 1995 Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Escritores de literatura infantil de Galicia Categoría:Críticos literarios de Galicia